O BNG comprométese a trasladar ás institucións os problemas detectados por ARVI no sector pesqueiro
Descartes, competencia desleal, cota de xarda e sardiña e consideración da pesca galega como importación son algúns dos temas abordados na xuntanza entre Ana Miranda, Olaia Fernández e Dani Rodas e a directiva dos armadores
Vigo, 27 de xuño de 2014.- A eurodeputada Ana Miranda; a deputada no Congreso Olaia Fernández; e deputado no Parlamento galego Dani Rodas, mantiveron esta mañá unha xuntanza coa directiva de ARVI na que abordaron boa parte dos problemas actuais do sector pesqueiro galego. As representantes do Bloque subliñaron que o BNG seguirá trasladando estas cuestións ás institucións nas que ten representación co obxectivo de acadar os mellores acordos para o sector pesqueiro galego.
Consideramos que a pesca é un dos sectores fundamentais para dinamizar a economía do país, e por iso as nosas xuntanzas coas entidades relacionadas coa pesca, para coñecer de primeira man os seus problemas, son continuas, subliñou Olaia Fernández, quen explicou que no encontro se trataron outros temas que supoñen problemas para o sector pesqueiro.
Ao respecto sinalou que se abordaron os diferentes criterios que se utilizan para abordar as cotas de sardiña e xarda, así como o tema dos descartes e a necesidade de que as embarcacións de arrastre que faenan no Cantábrico noroeste estean sometidas ás mesmas condicións independentemente do país a que pertenzan. Neste sentido comentaron a competencia desleal que representa a posibilidade de que a frota portuguesa faene os fins de semana no Cantábrico, mentres que a frota galega o ten prohibido.
Na reunión tamén se abordou o problema que supón que a pesca galega que fai transbordo en terceiros países sexa considerada como importación. Neste sentido, os representantes dos armadores trasladaron ás deputadas e ao deputado do BNG o gravoso que resulta esta medida, no só no eido económico, en tanto que precisa informes deses terceiros países que en moitos casos rexeitan emitir.
Iniciativas no Parlamento galego
Ademais destas cuestións, as representantes e o representante do Bloque tamén deron conta das diferentes iniciativas defendidas polo BNG no Parlamento galego, entre elas a reclamación de que a primeira venda da pesca se realice nas lonxas e impida que se poida realizar nos Mercas.
Asemade comentouse a proposta do Bloque para demandar ao goberno estatal que non aumente o IVE ao 21% dos produtos procedentes da pesca. Precisamente esta iniciativa, defendida polo deputado Dani Rodas, resultou aprobada por unanimidade a semana pasada en comisión no Parlamento galego.