O BNG congratúlase pola absolución dos sindicalistas condeados por defender os dereitos laborais
O Bloque participou este martes na concentración convocada pola CIG para rexeitar as novas taxas xudiciais e contra a reforma do Código Penal. Tras o acto, o portavoz municipal nacionalista Santi Domínguez expresou a súa satisfacción pola absolución dos tres sindicalistas condeados por defender os dereitos dos traballadores e traballadoras.
Para Santi Domínguez cómpre que a sentenza absolutoria da Audiencia de Pontevedra sente un precedente para que se deixe de criminalizar a defensa dos dereitos laborais e a defensa dos dereitos democráticos máis esenciais.
Taxas xudiciais
O portavoz municipal do BNG salientou que o proxecto de lei do Partido Popular tenta aplicar un sistema de taxas contra as persoas e entidades con menos recursos económicos que conleva unha merma na tutela xudicial, piar fundamental do Estado de dereito.
O nacionalista criticou que o goberno do Estado aprobara este proxecto co argumento de evitar a saturación dos xulgados, pero que na práctica implica a posta en marcha dun sistema de taxas que dificulta e ata impide o recurso aos tribunais das persoas e entidades con menos recursos económicos.
Segundo defendeu Santi Domínguez, a saturación da administración de Xustiza debe ser abordada solucionando o problema da ausencia de medios humanos e recursos materiais. Neste sentido mencionou a falta de interese por parte da Xunta de impulsar a Cidade da Xustiza en Vigo.
Lembrou, finalmente, que o Bloque xa rexistrou no Parlamento galego unha Proposición non de lei contra a aplicación de determinadas taxas no ámbito da Administración de Xustiza e do Instituto de Toxicoloxía e Ciencias forenses.