Domínguez: Se o goberno local quere aprobar os orzamentos imos darlles a volta por completo
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, destacou este mércores que se o goberno local quere aprobar os orzamentos para o 2013 imos darlles a volta por completo, porque non son de esquerdas ao non contemplar nin máis cartos para emprego nin máis servizos sociais. Asegurou asemade que dende o Bloque tamén lle daremos unha volta aos investimentos, porque hai esquecementos que nos parecen de película.
Nunha comparecencia conxunta do grupo municipal, o nacionalista considerou que tras realizar un primeiro estudo das contas para o vindeiro ano, ou o goberno municipal non se entera de que situación temos ou non sabe como afrontar esta situación de crise. Precisamente en referencia ás afirmacións do alcalde nas que asegurou que as contas incrementaban as partidas de emprego e servizos sociais, Santi Domínguez sinalou que ou o alcalde non coñece os orzamentos ou estaba mentindo, posto que o documento aumenta 11 milllóns para gasto corrente e baixa máis de 2 millóns para emprego.
Fronte a esta situación, criticou tamén á actitude do PP, que no último pleno rexeitou reclamar máis cartos á Deputación e á Xunta para crear máis emprego na cidade. Dicir que estes orzamentos se presentan así para que o BNG emende é unha irresponsabilidade, comentou o portavoz do Bloque en Vigo a respecto da valoración dos populares. Ao seu xuízo, pola contra, acontece que o goberno local prefire priorizar outras cousas.
Baixada en servizo sociais
Santi Domínguez criticou ademais a baixada de 500.000 euros nas partidas para servizos sociais, polo que salientou que a parafernalia do alcalde non é certa. Neste sentido asegurou que foi unha sorte para esta cidade que houbera unha forza política responsable que aumentara a contía das bolsas dos comedores escolares, agora conxeladas no borrador presentado polo PSOE.
Igualmente lembrou que grazas á iniciativa do Bloque máis de 600 persoas atoparon un emprego e se melloraron as partidas para servizos sociais, tamén conxelados no borrador. Esta cidade merece mellores orzamentos, e os parados e paradas merecen máis oportunidades de emprego e ver atendidas as súas necesidades, afirmou, polo que destacou que se non aceptan as nosas emendas non aprobaremos os orzamentos.
Segundo explicou o nacionalista, non é un orzamento de esquerdas aquel que aumenta en 600.000 euros as bolsas de inglés mentres conxela as bolsas de comedores escolares. Esa é a política que fai Rajoy e Feijóo, considerou. Ao seu xuízo, se estamos conxelando os convenios do Banco de Alimentos ou do Comedor da Esperanza, é un insulto aumentar as bolsas de inglés.
"Esquecementos de película"
O portavoz municipal nacionalista asegurou que o BNG tamén lle dará a volta aos investimentos. Neste sentido sinalou que hai esquecementos de película, como o Centro Galego de Fotografía, para o que non hai nin un euro.
Lembrou ademais que a corporación aprobou unha moción a instancias do BNG para atender as necesidades dos barrios e parroquias, como o Casco Vello ou Freixeiro, para o que figura a cantidade de 200.000 euros que nós non estamos dispostos a aceptar, apuntou.
Agardando estudo da auga
En resposta aos medios sobre a modificación do recibo da auga, o nacionalista manifestou que o BNG agarda a presentación do estudo e especificou que quere que o goberno o presente antes da aprobación definitiva das ordenanzas. Fixo referencia tamén a outros incrementos considerables, como o referido a FCC, de 6 millóns, o capítulo de gastos de protocolo, de teléfono ou o bus turístico, a respecto dos que sinalou que o BNG os seguirá analizando polo miudo. Todas as partidas que non son fundamentais as rebaixaremos, subliñou.
Santi Domínguez destacou que o BNG vai actuar como unha forza política responsable na oposición. Podemos tamén facer como o PP, que cando presenten as emendas será para pedir cartos ao Concello para darllas á Xunta e para infraestrutura que ten que acometer a Xunta, ironizou en referencia á Cidade da Xustiza.
Por outro lado, Santi Domínguez indicou que o Bloque solicitou ao goberno local o aprazamento do pleno de aprobación dos orzamentos ata o 26 ou 27 de setembro, co obxectivo de seguir mantendo xuntanzas cos distintos colectivos da cidade para recoller as principais demandas.