O BNG esixe a Feijóo que actúe para lograr o mantemento do sistema financeiro galego
Na concentración que este luns tivo lugar como protesta contra o desmantelamento de Novagalicia Banco, a deputada do BNG, Carme Adán, reclamou a Feijóo que actúe para acadar o mantemento do sistema financeiro galego.
O peor escenario desta novela negra, como é a liquidación ou venda de NCG, vén de ser confirmado, asegurou Carme Adán, quen alertou de que Galiza perderá unha caixa produto do aforro dos galegos e galegas co beneplácito do PP.
Reclamamos a Feijóo que actúe e non regale os aforros dos galegos e galgas a prezo de saldo, salientou na concentración celebrada hoxe, e na que tamén participaron a portavoz do BNG no Congreso, Olaia F. Davila, o portavoz municipal do Bloque, Santi Domínguez, entre outros integrantes da formación nacionalista.
Segundo indicou a deputada do BNG, o final de NGB amosa o fiasco da política económica de Feijóo e do PP para Galiza. Neste sentido criticou que os miles de millóns de diñeiro público para as entidades financeiras son sufragados con recortes sociais en servizos públicos básicos.
Escoitar a afectados polas preferentes
Por outro lado, Adán destacou que o PP debe escoitar aos afectados e afectadas polas preferentes tamén agora, e non só en campaña, apuntou a nacionalista en referencia ás persoas que tamén participaban na protesta ás portas de Novagalicia Banco.
A deputada do BNG, en resposta aos medios, explicou que o Bloque ten rexistradas diversas iniciativas sobre o sistema financeiro galego, na liña de que a caixa se converta nunha entidade pública e os afectados e afectadas polas preferentes recuperen seus cartos.