O BNG conmemora mañá no Calvario o Día Internacional das Mulleres
A partir das 11 horas sucederanse as intervencións políticas e a lectura de textos a cargo de escritoras e todas as persoas que quixeren participar
Vigo, 6 de marzo de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego conmemorará mañá, 7 de marzo, no Calvario, o Día Internacional das Mulleres, a partir das 11 horas. Este acto, de carácter político e lúdico, enmárcase na campaña nacionalista que desenvolve o BNG en todas as comarcas galegas baixo o lema A forza do feminismo.
No acto, que é aberto a toda a cidadanía que queira participar, están previstas as intervencións da candidata número 2, Vitoria Iglesias; a portavoz municipal, Iolanda Veloso, a deputada no Parlamento galego, Carme Adán; a deputada no Congreso, Olaia F. Davila; así como as escritoras Rosa Martínez, Cruz Martínez e Marta da Costa.
Mediante esta campaña, o Bloque quere destacar a importancia do feminismo na transformación social e na loita pola igualdade non só desde o punto de vista histórico senón tamén nos procesos que se están producindo na modificación da estrutura familiar.
É hora de nos tornar visíbeis, de tomar as rendas, de abandonar os discursos retóricos e apostar pola transformación real. Iniciemos este novo tempo coa alegría de todas as mulleres traballadoras: das estudantes, das loitadoras, das cantantes, das creadoras, das investigadoras, das mestras, das doutoras, das enfermeiras, das mariscadoras, das gandeiras, das escritoras, das actrices, das redeiras, das que fan política. As mulleres galegas. María, Xoana e Celia, traballadoras sociais. Carme, Dores e Uxía, redeiras. Sabela, Mónica e Ledicia, desempregadas. Milleiros das imprescindíbeis, das que, coa súa entrega e a súa vida, constrúen este país, subliña o manifesto da campaña.