O Bloque reclama medidas urxentes para reactivar o emprego feminino e paliar a precariedade laboral
Poesía e reivindicacións políticas déronse a man no acto celebrado polo Bloque no Calvario para conmemorar o Día Internacional das Mulleres
Vigo, 7 de marzo de 2015.- A forza do feminismo é o lema escollido polo BNG para conmemorar o Día Internacional das mulleres, que se celebrou hoxe no barrio vigués do Calvario coa participación da candidata número 2 do Bloque, Vitoria Iglesias; a portavoz municipal, Iolanda Veloso; as deputadas Olaia F. Davila e Carme Adán; e as escritoras Cruz Martínez, Marta da Costa e Rosa Martínez.
Ben nun formato máis reivindicativo ben máis poético, as intervintes hoxe no Calvario denunciaron a situación de discriminación que viven actualmente as mulleres. Así, Olaia F. Davila, pese a recoñecer que acostuma a ver o vaso medio cheo, alertou dos retrocesos que se están producindo no eido dos dereitos. Son necesarias políticas públicas que faciliten a corresponsabilidade e a conciliación, subliñou.
Neste sentido, Carme Adán e Vitoria Iglesias denunciaron a precariedade laboral das mulleres, cobrando menos salario que os compañeiros varóns e ocupándose maioritariamente do coidado de fillos e persoas dependentes. Se por un lado, a deputada nacionalista sinalou que dende o ano 2008 máis de 70.000 mozas abandonaron Galiza, pola súa banda, a candidata do BNG apuntou que unha de cada catro mulleres teñen contrato e salario parciais en Galiza.
O goberno só ofrece dúas opcións ás mulleres galegas: precariedade ou emigración, asegurou Vitoria Iglesias na súa intervención, quen defendeu a posta en marcha de medidas urxentes por parte das administracións para impulsar o emprego feminino.
Desemprego a partir dos 50 anos
Precisamente para paliar esta situación, o BNG defende medidas dirixidas ás mulleres de máis de 50 anos que se viron obrigadas a abandonar o seu traballo para atender a fillos ou familiares, de forma que tras unha vida laboral de 30 ou 35 anos, aos 50 son despedidas ou deben pechar os seus negocios. En concreto para o Bloque propón crear unha axuda para desempregadas cunha contía igual ao Salario Mínimo Interprofesional e con carácter indefinido.
A formación nacionalista tamén defende un plan de emprego dependente da Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de que o Goberno galego tome en serio a situación da perda de 1.900 postos de traballo femininos no ámbito industrial. Soñamos cunha cidade e un país no que as mulleres poidamos decidir, salientou Vitoria Iglesias.
Traballo do BNG
A deputada Carme Adán salientou o traballo realizado pola portavoz municipal Iolanda Veloso a prol da igualdade cando estivo á fronte da Concellería de Igualdade no goberno vigués, así como da deputada Olaia F. Davila ao longo da súa traxectoria política. Asemade, Davila destacou o papel de Vitoria Iglesias no eido do feminismo, como ferramenta indispensable na loita pola igualdade e a transformación social.