O BNG anima á cidadanía a apoiar a ILP da CIG que recolle medidas para crear emprego

O BNG anima á cidadanía a apoiar a ILP da CIG que recolle medidas para crear emprego

Iolanda Veloso e Serafín Otero reclaman a reactivación dos sectores produtivos na comarca de Vigo, como o naval, e alertar da precarización do emprego

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 20 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, expresou o apoio do Bloque á proposición de lei impulsada pola CIG que inclúe múltiples medidas para crear emprego. Nunha rolda de prensa conxunta da voceira do BNG e o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, defenderon a necesidade de reactivar os sectores produtivos na comarca de Vigo, tendo en conta que desde 2009 foron destruídos case 24.000 postos de traballo.

“Desde o BNG apoiamos a ILP da CIG porque cómpre provocar a reacción das administracións á vista de como ano a ano se destrúen postos de traballo”, salientou Iolanda Veloso. Neste sentido fixo referencia á exposición de motivos da iniciativa popular, na que se especifica que no período comprendido entre 2009 e 2013 a poboación ocupada caeu un 10,42% e o número de persoas desempregadas en Vigo a fin do ano era 15.463 persoas desempregadas máis que en 2007.

A portavoz do Bloque destacou que esta situación ten como consecuencia que as persoas desempregadas na nosa cidade son xa desempregadas de longa duración e que xa non perciben ningún tipo de axuda das administracións. “Pero igual que todos nós teñen que enfrontarse aos constantes recortes”, engadiu.

Plan de emprego

Iolanda Veloso subliñou o traballo desenvolvido polo BNG no Concello de Vigo consecuencia da preocupación da fronte nacionalista pola creación de emprego. Así lembrou que o Bloque foi quen propuxo incluír nos orzamentos o plan de emprego e o plan de compensación contra a crise.

“O PSOE non ten como prioridade o emprego, como xa demostrou nos orzamentos do ano pasado”, recordou a responsable nacionalista, indicando que 6 millóns de euros foron destinados ao plan de emprego grazas ao BNG. “A respecto do emprego o alcalde non ve máis aló das humanizacións e nós sempre tivemos que insistir neste tema”, asegurou ao tempo que indicou que o emprego e os servizos sociais “seguen sen ser unha prioridade para o alcalde”.

Sobre a postura do Partido Popular ao respecto, salientou que “será toda unha sorpresa” se agora para o PP a creación de emprego vai ser unha prioridade “posto que non se corresponde coas políticas que desenvolve nas administracións que goberna”, sinalou.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

24.000 sinaturas

O secretario comarcal da CIG, tras agradecerlle ao BNG o seu apoio, explicou que a recollida de sinaturas pola ILP, é a segunda parte dunha campaña da central sindical “iniciada en novembro coas marchas polo emprego”. Apuntou que xa foron recollidas 24.000 sinaturas “e estamos a piques de pedir as 50.000”, anunciou.

“Na comarca de Vigo parécenos importante que se faga unha política industrial de acordo coa reactivación dos sectores produtivos, como é o naval”, destacou Serafín O. Neste sentido sinalou que a construción do flotel de Pemex só provocará a creación dun máximo de 600 traballadores e traballadoras, mentres que pola contra será difícil recuperar os postos de traballo destruídos.

O responsable da CIG referiuse a outros problemas da comarca viguesa. Así, criticou a precarización do emprego, que a súa vez provoca a falta de consumo e que sectores como o comercio e servizos “se veñan abaixo”, e o feito de que moita xente nova “tivera xa que facer as maletas”.

 

O BNG anima á cidadanía a apoiar a ILP da CIG que recolle medidas para crear emprego