O BNG defende que outra sanidade é posible e que desde o Concello hai que reclamar máis recursos
Serafín Otero e Manuel G. Moreira consideran inadmisible que haxa pacientes de prioridade 1 agardando até seis horas en urxencias
Os candidatos nacionalistas convidan á cidadanía a participar no acto de presentación de propostas sanitarias que terá lugar mañá no hotel Axis ás 20.15 horas
Vigo, 10 de marzo de 2015.- O cabeza de lista, Serafín Otero, e o candidato 3, Manuel G. Moreira, expresaron a preocupación do BNG polo novo atasco nas urxencias do Meixoeiro, que ao seu xuízo é unha clara mostra da situación da sanidade de Vigo. Segundo destacaron, esta situación é consecuencia directa das políticas de recortes que o PP acomete tanto en recursos como en persoal.
Os nacionalistas denunciaron que na última noite algúns pacientes con prioridade 1, é dicir que segundo o protocolo non deben agardar máis de unha hora, tiveron que agardar até seis horas. Trátase dunha situación moi grave e absolutamente inadmisible, subliñaron.
Segundo manifestou González Moreira, médico de familia, resulta preocupante que a estas alturas xa só nos chame a atención estes graves picos de saturación en urxencias, cando a que consideramos como xornada normal presenta xa dun grao de traballo moi alto. Temos un nivel moi alto de tolerancia coa saturación, engadiu.
Pola contra, Otero e Moreira defenderon que outra sanidade é posible, tal e como explicarán nun acto que se desenvolverá mañá ás 20.15 horas no hotel Axis, e que tamén contará coa participación do portavoz nacional, Xavier Vence, e as candidatas número 2 e 6, Vitoria Iglesias e Lola Rodríguez, respectivamente.
Falta de recursos en atención primaria
Pensamos que desde o goberno da Xunta e desde o Concello se poder tomar moitas medidas imprescindibles para mellorar a situación da sanidade, asegurou Manuel G. Moreira. Neste sentido defendeu o desenvolvemento dun plan concreto para subsanar as listas de espera e a falta de recursos en atención primaria.
Preguntado polas medidas que se poden executar desde o Concello, Moreira explicou que se pode facer un diagnóstico da saúde da cidadanía e reclamar os recursos sanitarios necesarios en función dos constantes cambios demográficos. Non podemos deixar en mans máis alonxadas a planificación da sanidade, sinalou.
Folga en Povisa
Por outro lado, os candidatos nacionalistas visitaron ás traballadoras e traballadores de Povisa que hoxe iniciaron a folga de fame en protesta polos últimos despedimentos anunciados. Desde o Bloque queremos trasladarlles o noso apoio ás súas reivindicacións laborais, destacou Serafín Otero.
O Sergas debería garantir as condicións laborais dunha empresa coa que asina un convenio e que recibe fondos públicos, afirmou González Moreira, quen subliñou asemade que o Sergas tamén debería garantir a calidade asistencias aos pacientes que atende Povisa.
Segundo destacou Manuel G. Moreira, é un grave problema asistencial que Povisa teña os ratios de persoal por debaixo dos hospitais públicos. Problema que o Sergas debería solucionar con urxencia, reclamou. No que atinxe aos celadores é escandaloso, asegurou.