O BNG propón crear unha liña de axudas municipais para enfermos crónicos en risco de exclusión
Xavier Vence subliña que o BNG promove unha alternativa que garanta o sistema sanitario público
Serafín Otero defende a creación dun Consello Municipal da Sanidade e fomentar programas de educación para a saúde
Vigo, 11 de marzo de 2015.- Baixo o lema O futuro da sanidade en Vigo, o BNG celebrou un acto no que non só se analizaron os principais problemas da área sanitaria viguesa senón que se puxeron enriba da mesa propostas para mellorar as listas de agarda e ampliar a cobertura sanitaria. Así, ademais do portavoz nacional, Xavier Vence, e o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Alonso, tamén interviñeron a representante da plataforma de Afectados pola hepatite C, Xulia Alonso; as candidatas 2 e 6 da lista, Vitoria Iglesias e Dolores Rodríguez, respectivamente, e o candidato 3, Manuel G. Moreira.
O portavoz nacional alertou da perda da calidade da sanidade pública debido á políticas politicas privatizadoras do Partido Popular e as políticas de recortes tanto en infraestruturas como de persoal. Desde o BNG estamos promovendo unha alternativa que garanta o sistema sanitario público e que free esa carreira privatizadora do PP, destacou.
Segundo destacou Xavier Vence, o de Vigo é un caso exemplar das consecuencias deses recortes e da aposta pola sanidade privada levada a cabo polo Partido Popular, nomeadamente en relación co caso de Povisa. Esta empresa recorta prestacións e servizos para os enfermos da área sanitaria de Vigo tras asinar o convenio co Sergas.
Desde o BNG ademais estamos en contra do modelo de construción privado do novo hospital de Vigo e dennunciamos que en beneficio dos construtores privados xa se recortaron servizos desta infraestrutura, engadiu Vence, quen defendeu que é preciso que a cidadanía sexa quen de defender un sistema sanitario público que garante a igualdade de trato a todos os pacientes.
Iniciativas municipais
O cabeza de lista do Bloque vigués ás municipais, pola súa banda, defendeu a creación dunha liña de axudas municipais destinada a persoas con enfermidades crónicas que estean en risco de exclusión social. A falta de recursos non pode ser causa dunha peor saúde, destacou Serafín Otero.
Sabemos que a sanidade non é unha competencia municipal, pero tamén que se trata dunha cuestión esencial, na que todos os recursos e iniciativas son poucas, afirmou o candidato nacionalista. Neste sentido comentou diversas iniciativas que se poden levar a cabo desde o Concello.
Neste sentido incidiu na necesidade de promover programas de educación para a saúde, fomentar hábitos de vida e alimenticios saudábeis na infancia e entre os maiores, así como a creación de plans sanitarios específicos para as persoas en situación de pobreza.
Na súa intervención, Serafín Otero tamén defendeu que é preciso constituír o Consello Municipal da Sanidade como espazo institucional que permita a participación dos e das profesionais sanitarias e dos colectivos sociais na toma de decisións e no desenvolvemento dos programas de promoción da saúde que queremos desenvolver.
Poñamos todas as capacidades e recursos que ten o Concello para facer de Vigo unha cidade saudábel e solidaria, subliñou o candidato nacionalista. Por outra banda asegurou que o BNG seguirá mantendo unha posición de esixencia de cara á Xunta, reclamando o aumento das camas de media e longa estancia, un plan específico para reducir as intolerábeis listas de espera e a creación de novos centros públicos de Atención Primaria na cidade.
Precisamente fronte aos recortes que está acometendo o Partido Popular animou aos asistentes a participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro día 19 de marzo.