Serafín Otero critica a ineficacia do goberno local na xestión do plan de emprego municipal
O candidato nacionalista defende que as 140 persoas que tiñan que comezar a traballar son as únicas non culpables da situación
Vigo, 9 de marzo de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, criticou a nefasta xestión do goberno local a respecto do plan de emprego municipal, paralizado tras un informe de intervención do Concello de Vigo. Cando as cousas se fan en campaña e as utiliza para iso vemos as consecuencias que teñen, manifestou Otero, minutos antes de manter unha xuntanza coa executiva comarcal da CIG.
Os plans de emprego municipais hai que facelos, pero de outra forma, destacou o candidato nacionalista, quen subliñou que hai que facelos para crear emprego, e non como unha cuestión de campaña. Lamentou que as 140 persoas seleccionadas neste plan emprego, moitas delas en situación de emerxencia, a día de hoxe non saben se poderán empezar a traballar.
Preguntado se considera que alguén debe asumir responsabilidades, manifestou que de habelas deberían asumilas o alcalde, -xa que actúa co ordeno e mando-, e o concelleiro de Emprego, pero asegurou que o que está claro e que son as únicas non culpables da situación.
Elaboración do programa electoral
No tocante á xuntanza coa executiva da CIG, Serafín Otero explicou que o BNG está inmerso na elaboración do programa electoral, para o que considera fundamental manter reunións coas centrais sindicais e os principais colectivos sociais da cidade. En concreto, na celebrada esta mañá, o obxectivo é tratar as diferentes alternativas para crear emprego e as medidas a incluír neste eido no programa electoral dada a situación de pobreza e desemprego que hai na nosa cidade.
Neste sentido, o candidato nacionalista salientou a aposta do BNG por incluír no programa electoral un plan de exclusión social, con medidas que arroupen á xente que está pasando pola peor das situacións. Indicou que no obxectivo de fomentar a creación de emprego o Bloque tamén quere artellar un plan industrial e un plan de comercio, así como plans de emprego destinados ás mulleres e á mocidade.
Serafín Otero avanzou que en próximas datas manterá xuntanzas con CCOO e UXT, así como coas organizacións empresariais viguesas. Ao respecto, e en resposta ás preguntas sobre o conflito existente na Confederación de Empresarios de Pontevedra, sinalou que se trata dun problema da CEP, que eles mesmos terán que resolver.