O BNG reclama un pleno extraordinario no Parlamento galego sobre a devolución do tax lease
A portavoz de industria, Carme Adán anunciou hoxe que o BNG rexistrou un escrito dirixido á Mesa do Parlamento coa solicitude de convocar un pleno extraordinario, a celebrar o vindeiro martes día 2 de xullo, para abordar a decisión da comisión europea relativa á devolución das axudas ao sector naval galego.
A deputada nacionalista tamén anunciou a vontade do grupo parlamentario de acampar ante o Parlamento europeo en protesta pola decisión da comisión europea e fixo un chamamento á Xunta e ao Presidente Feijóo a secundar esta iniciativa.
Neste sentido, engadíu que se Feijóo quere amosar a súa indignación como afirmou no día de onte, debe encabezar a acampada acompañado dos setenta e cinco deputados da Cámara galega.
Tras o anuncio do comisario de Competencia, Juaquín Almunia sobre o ditame previsto para o 17 de xullo para a devolución das axudas, a través do Tax Lease, a deputada afirmou que Galiza non está disposta a consentir a destrución do sector naval galego e fixo un chamamento á cidadanía a apoiar todas aquelas mobilizacións convocadas para os próximos días.
Ruína para o pobo galego
Para a parlamentaria nacionalista a Deputación Permanente do Parlamento debe reunirse con urxencia e convocar o pleno extraordinario porque as decisións de Europa están prexudicando gravemente ao noso país, primeiro foi a pesca, dixo, logo a agricultura e agora tamén queren que desapareza o noso sector naval. a Unión Europea é a ruína do pobo galego, sentenciou.
Adán rematou a súa comparecencia, ante os medios de comunicación, agardando que o Partido socialista esixa a dimisión do Comisario da Competencia, Joaquín Almunia que utilizou un café informativo para anunciar a peor noticia contra o sector naval galego, un sector en grave crise por decisións tan erróneas como a que agora intenta á Unión europea, concluíu.