O BNG demanda ampliar a exención fiscal e eliminar o cobro de xuros no pago aprazado e fraccionado

O BNG demanda ampliar a exención fiscal e eliminar o cobro de xuros no pago aprazado e fraccionado

Iolanda Veloso reclama ao goberno local que cumpra o acordo plenario e leve o documento completo ao pleno para poder presentar melloras

A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, presentou as emendas do BNG á ordenanza fiscal xeral, que segundo explicou están destinadas a que “os vigueses e viguesas poidan facer fronte da mellor maneira posible” ao pago dos seus impostos. Actualización dos mínimos exentos ao 2,8% e eliminación de recargos no caso de pagamento fraccionado constitúen as dúas do BNG á ordenanza fiscal xeral para o exercicio 2014.

“Solicitamos que o goberno local aplique unha actualización dos mínimos exentos do 2,8%, o dobre do que propón”, salientou Iolanda Veloso. Deste xeito, o importe dos ingresos brutos per cápita pasaría de 3.827 euros e 5.987 euros para familias numerosas que constan nas ordenanzas vixentes en 2013, a un importe de 3.934 euros e 6.155 euros, respectivamente no vindeiro exercicio.

Asemade, o Bloque propón a eliminación do cobro de xuros, que na actualidade son do 5%, no caso de concesión de aprazamento ou de fraccionamento. “Pensamos que non se pode penalizar ás persoas que se ven obrigadas a solicitar o pago aprazado ou fraccionado”, sinalou a responsable nacionalista.

Facer achegas

Iolanda Veloso explicou que a ordenanza fiscal xeral é unha das tres que o goberno ten decidido levar a pleno. Porén, para o BNG o goberno debe cumprir o acordo plenario e levar o documento completo “para que todas as ordenanzas poidan ser emendadas”. “Entendemos que se poden facer melloras e aliviar a presión fiscal ás persoas que máis sofren a consecuencia da crise e teñen unha situación máis difícil”, asegurou.

Neste sentido, asegurou que ás e aos nacionalistas “non nos vale prorrogar as ordenanzas”, senón que cómpre “facer un esforzo” e ter en conta a situación das persoas. “Que se leven tres ordenanzas a pleno non nos parece que é o que necesita hoxe a cidadanía”, sinalou.

Afondando nesta cuestión, Iolanda Veloso avanzou que os tres representantes do BNG no Concello “non imos da aprobación final a ningunha ordenanza se non hai posibilidade de facer achegas por parte da oposición e dos cidadáns e cidadás”. “As ordenanzas que se leven a pleno deben ser todas para que o BNG as aprobe, se procede”, concluíu.

 

O BNG demanda ampliar a exención fiscal e eliminar o cobro de xuros no pago aprazado e fraccionado