O pleno aproba a moción do Bloque para que o goberno leve a pleno o proxecto completo de ordenanzas

O pleno aproba a moción do Bloque para que o goberno leve a pleno o proxecto completo de ordenanzas

O pleno celebrado hoxe aprobou, cos votos a favor de BNG e PP e abstención do PSOE, a moción urxente nacionalista para que o goberno local presente en pleno a súa proposta completa de ordenanzas municipais. A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, reclamou un “esforzo para reducir a presión fiscal sobre a cidadanía”, especialmente sobre as persoas máis desfavorecidas, tomando como criterio o nivel de renda.

“Cal é o problema de traer a pleno o proxecto completo das ordenanzas municipais? Por que non queren debatir? Ou queren que lle fagamos nós o proxecto”, preguntou Iolanda Veloso ao goberno vigués diante da súa negativa a que tanto cidadanía como grupos políticos poidan presentar alegacións de mellora a todas as ordenanzas.

Neste sentido, a portavoz do Bloque explicou que segundo o procedemento comunicado polo goberno local, a pleno só irían as ordenanzas novas ou modificadas, pero non as ordenanzas que o alcalde decidiu conxelar, despois dos seis días correspondentes ao periodo de alegacións. Pola contra, para a nacionalista é fundamental que haxa a posibilidade de presentar alegacións que poidan beneficiar ás persoas máis prexudicadas pola crise.

A portavoz municipal do BNG defendeu a pertinencia de reducir a presión fiscal sobre a cidadanía xa que segundo destacou, “grazas ao Partido Popular o IPC xa non serve para actualizar os impostos porque este índice non se aplica para revalorizar os salarios nin as pensións”.

Nivel de renda

Segundo destacou debe ser o nivel de renda o criterio que se debe empregar para marcar as exencións ou bonificacións fiscais. Segundo salientou, é fundamental ter este aspecto en conta para variar as taxas e impostos dada a situación de grave crise económica.

A este mesmo tema referiuse a voceira nacionalista no debate dunha moción urxente presentada polo PP sobre o mesmo tema na que os populares propoñían unha baixada de impostos do 1,4 por certo. “Cando falamos do IBI non estamos de acordo con baixarlle o IBI a todo o mundo. Non estamos de acordo con baixarlle impostos a todo o mundo por igual”, salientou.

Neste debate Iolanda Veloso defendeu a conxelación do prezo do prezo do Vitrasa, pero tamén que o goberno local “presente un estudo sobre as liñas”, tal e como o BNG ten demandado en diversas ocasións. “Hai que racionalizar o prezo do Vitrasa para beneficiar as persoas con menos recursos”, apuntou. Sobre a tarifa da auga a nacionalista comentou que o sistema tarifario “non promove un consumo razoable”

 

O pleno aproba a moción do Bloque para que o goberno leve a pleno o proxecto completo de ordenanzas