O BNG demanda apoio das administracións para garantir a continuidade da World Fishing en Vigo
O pleno do luns aprobará como declaración institucional unha proposta do Bloque que reclama a celebración do evento no 2016
Vigo, 24 de xaneiro de 2014.- As deputadas Olaia Fernández e Carme Adán, e a portavoz municipal, Iolanda Veloso, presentaron as iniciativas rexistradas polo Bloque no Congreso dos Deputados, o Parlamento de Galiza e o Concello de Vigo demandando respaldo para que a World Fishing Exhibition siga celebrándose en Vigo. As nacionalistas salientaron a gran importancia que ten este evento para a cidade en diversos sectores, como o complexo mar-industria, o hosteleiro ou o comercial.
Diante das noticias de que a World Fishing non se celebrará en 2015 e que en 2016 pode ser fóra de Vigo, incluso en Asia, entendemos que é necesario o apoio do sector e das diferentes administracións para que este evento continúe en Galiza e con éxito, destacou Olaia Fernández.
A deputada nacionalista indicou que pese a que se trata dun evento impulsado pola iniciativa privada sempre contou co apoio das institucións e precisamente lembrou que na última edición da World Fishing de 2009 reuníronse un nutrido grupo de ministros de Pesca.
Por outra parte, Fernández Davila considerou que tras 40 anos de celebración da feira é lóxico que aparezan dificultades organizativas, tanto de carácter económico como na necesidade de renovación do comité executivo que a organiza. Mencionou nese sentido á situación de Alfonso Paz Andrade, imputado na causa xudicial aberta contra o consello anterior de Pescanova.
Deste xeito, o BNG no Congreso, ademais de preguntar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a respecto da decisión de cancelar a celebración da World Fishing en 2015, insta ao goberno a levar a cabo as actuacións necesarias para garantir o seu desenvolvemento en 2016.
Respaldo do goberno galego
Carme Adán destacou que o grupo parlamentar do BNG levará ao Parlamento galego iniciativas semellantes ás presentadas no Congreso e demandando apoio para que se poida seguir realizando este evento en Galiza, e en concreto en Vigo.
A respecto da influenza dos problemas económicos para que a World Fishing non se celebre, a deputada nacionalista apuntou que en Galiza hai outros eventos con menos retorno económico para os sectores implicados que si contan co apoio do goberno galego. En consecuencia demandou o compromiso real do goberno galego para que este evento siga en Vigo.
Proposta nacionalista no Concello
A respecto das actuacións do BNG no Concello vigués, Iolanda Veloso explicou que na xunta de voceiros celebrada onte o Bloque presentou unha proposta para conseguir o apoio dos grupos municipais e que será levada ao pleno como declaración institucional da corporación. A nosa iniciativa demanda levar a cabo actuacións precisas, conxuntamente con outras administracións implicadas, para garantir que este evento se poida realizar en Vigo no 2016, explicou a portavoz nacionalista.
Na nosa cidade non podemos permitirnos o luxo de perder un evento como este; por iso quixemos acadar o apoio das tres forzas políticas, destacou Iolanda Veloso. Segundo manifestou a voceira do BNG sería lóxico que o PP, despois de aprobar esta proposta en Vigo, tamén fixera o propio no Parlamento de Galiza e no Congreso dos deputados.