Iolanda Veloso: “A colaboración de PP e PSOE está moi lonxe de atender todas as necesidades de Vigo"

Iolanda Veloso: “A colaboración de PP e PSOE está moi lonxe de atender todas as necesidades de Vigo"

O BNG abstívose no pleno de modificación orzamentaria porque o plan de investimentos “non é suficiente” a estas alturas de ano

pleno modificación orzamentaria

Vigo, 23 de xaneiro de 2014.- O grupo municipal do BNG abstívose na votación da modificación orzamentaria correspondente ao plan de investimentos do superávit do exercicio 2012, que saíu adiante cos votos de PP e PSOE. A voceira nacionalista, Iolanda Veloso, subliñou na súa intervención que este proxecto “non é suficiente” para a cidade, posto que “a estas alturas de ano non teriamos que estar aprobando unha modificación orzamentaria, senón os orzamentos de 2014”.

Iolanda Veloso salientou os acordos aos que chegaron PP e PSOE nos últimos tempos. Así lembrou que aprobaron a amortización de débeda, subvencionar billetes de avión pero non billetes de autobús para persoas desempregadas e sen recursos. “Vemos que hai un compromiso de colaboración de PP e PSOE que está moi lonxe de atender todas as necesidades de esta cidade”, criticou.

A portavoz municipal nacionalista sinalou que o Bloque non se oporía aos investimentos tratados hoxe no pleno, posto que recollen as propostas do BNG, “xa presentadas en agosto”, apuntou, ao tempo que recordou que son unha chamada de atención sobre os problemas nos barrios e nas parroquias e as dificultades de acceso nos centros de ensino, así como as deficiencias de zonas como o Casco Vello e Teis.

“A aprobación hoxe dos investimentos non basta. Non imos impedila porque non estamos en contra de investir 6 millóns na cidade, pero non nos chega”, subliñou Iolanda Veloso, quen avanzou que o BNG non vai aprobar nada “mentres non haxa orzamentos para a cidade”.

Responsabilidade política

Segundo explicou Iolanda Veloso, pese a que o BNG se felicita por que estes cartos sexan investidos para atender as necesidades apuntadas polo Bloque, o goberno local debería presentar o borrador de orzamentos “por responsabilidade”. Ao seu xuizo, esa responsabilidade ten que traducirse na elaboración, debate e aprobación de orzamentos para a cidade “e tamén nunha correcta execución dos aprobados”.

Neste sentido asegurou que a execución seria e rigorosa dos orzamentos non só se pode traducir en cumprir a lei. Para a voceira do BNG “vai moito máis aló” e ten que ver coa correcta execución do plan de compensación contra a crise, a tramitación a tempo das bolsas de comedor ou o apoio aos movementos sociais, culturais e veciñais de Vigo. “Responsabilidade é o bonobús para que persoas que non teñen recursos poidan utilizar o transporte colectivo de xeito gratuíto”, engadiu.

 

Iolanda Veloso: “A colaboración de PP e PSOE está moi lonxe de atender todas as necesidades de Vigo"