O pleno aproba a demanda do Bloque para que o goberno faga unha reforma global do transporte público

O pleno aproba a demanda do Bloque para que o goberno faga unha reforma global do transporte público

Remodelación das liñas, renegociación coa concesionaria e revisión dos prezos dos aparcamentos son algunhas das propostas defendidas por Iolanda Veloso

pleno xaneiro Iolanda

Vigo, 27 de xaneiro de 2014.- A reclamación do Bloque para que o goberno local revise e modifique as liñas do transporte público e renegocie o contrato coa concesionaria resultou aprobada no pleno cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE. Na defensa da moción, a portavoz municipal do BNG acusou ao goberno municipal de facer recortes no transporte público e non atender as necesidades dos usuarios e usuarias.

“Lamentamos que presentaran o seu proxecto de remodelación tras reclamalo o BNG constantemente e non pola evidencia do mal funcionamento do transporte público colectivo”, manifestou Iolanda Veloso a respecto da presentación a semana pasada do proxecto de reforma das liñas de Vitrasa por parte do alcalde unicamente aos medios de comunicación.

A portavoz municipal do BNG destacou que a situación do transporte en Vigo é cada vez máis complicada “debido á mala xestión do transporte público municipal”. Segundo explicou, sofre unha caída constante de viaxeiros, con liñas mal planificadas e inadecuadas ás demandas actuais e que están sen revisar desde hai anos, “tal e como xa denunciou o BNG en múltiples ocasións”, apuntou.

Mala planificación

Precisamente a iniciativa proposta polo Bloque constata que esta mala planificación ten como consecuencia que unhas liñas estean baleiras e outras saturadas, así como que haxa puntos importantes da cidade moi mal comunicados. Iolanda Veloso salientou tamén que as tarifas e descontos non se adaptan á realidade socio-económica actual, ao ter o billete ordinario máis caro de Galiza e ningún desconto para as persoas sen recursos. “Isto provoca a exclusión dunha parte da poboación dun servizo público básico”, denunciou.

“O poder da empresa concesionaria pesa máis que as persoas sen recursos”, denunciou a responsable nacionalista, quen explicou que ao respecto, a moción aprobada insta ao goberno a revisar e modificar a tarifa ordinaria e as tarxetas de desconto para procurar un menor prezo e descontos para as persoas con menos recursos e deste xeito garantir a accesibilidade de toda a poboación ao servizo público do transporte.

Iolanda Veloso criticou que a ineficiencia do servizo público de transporte non só ten como resultado un mal servizo á cidadanía “senón tamén un custe excesivo para os orzamentos municipais por non teren actualizado as condicións da concesión”. Neste sentido reclamou a renegociación coa concesionaria o contrato do servizo público de transporte “corrixindo os problemas de ineficiencia para ofrecer un mellor servizo cun menor custe”, destacou.

Por outro lado, destacou que a mala situación do transporte público colectivo implica o aumento do uso dos vehículos privados. Ao respecto, a iniciativa do Bloque indica que este aumento ten un custe moi elevado non só desde o punto de vista ambiental e social senón tamén de maneira individual para os seus usuarios polo prezo do combustíbel e do aparcamento, polo que o BNG reclama unha revisión dos prezos dos aparcamentos públicos e negociar coa administración autonómica e os concellos da área de influencia para poñer en marcha o transporte metropolitano, incluíndo tamén o transporte de ría.

 

O pleno aproba a demanda do Bloque para que o goberno faga unha reforma global do transporte público