Iolanda Veloso: "Co hospital exemplifícase que o acordo entre PP e PSOE é unha condena para Vigo"

Iolanda Veloso: "Co hospital exemplifícase que o acordo entre PP e PSOE é unha condena para Vigo"

O BNG critica que o pacto entre populares e socialistas fai que os vigueses e viguesas teñan que pagar máis por menos servizos

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 10 de marzo de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, manifestou que o principio de acordo entre PP e PSOE sobre o novo hospital en virtude do que o Concello de Vigo asumirá as acometidas correspondentes é o “exemplo gráfico” de que ese acordo é “unha condena que non vai mellorar a calidade de vida dos vigueses e viguesas”. Segundo criticou a responsable nacionalista “servirá para que o Concello de Vigo asuma as competencias do PP noutras administracións”.

Iolanda Veloso destacou que xunto á plataforma SOS Sanidade Pública o BNG opúxose e segue opoñéndose a que as acometidas sexan sufragadas por todos os vigueses e viguesas. Neste sentido lembrou que este centro imprescindible para a área sanitaria foi privatizado e o seu proxecto transformado, “cun proxecto construtivo que aínda non coñecemos”, criticou.

A voceira nacionalista lembrou que durante anos de enfrontamentos, o alcalde cualificou de 'chantaxes' as pretensións do PP, “pero agora esas chantaxes chegan enriba da mesa”, sinalou. Precisamente sobre as declaracións realizadas polo goberno local ao respecto lembrou que agora podemos escoitar que esas acometidas xa non son unha chantaxe, senón 'servizos para as parroquias', segundo a concelleira Carmela Silva.

De novo hospital a hospital parroquial

“Desta forma o novo hospital pasa a ser un hospital parroquial”, comentou Iolanda Veloso ironicamente, ao tempo que salientou que o Bloque mantén a mesma posición neste tema, en tanto que o novo hospital é un hospital privatizado que non vai dar resposta ás necesidades sanitarias da nosa área. “Pola contra, PP e PSOE asinan un pacto logo dunha historia de acordos plenarios que non foron respectados”, indicou.

Neste sentido Iolanda Veloso. apuntou que o PSOE terá que explicar por que decide cargar aos vigueses e as viguesas as competencias do PP, mentres que ao seu xuízo o Partido Popular deberá explicar por que despois de anos laiándose dos incumprimentos plenarios decide suscribir un acordo destas características. “Estes orzamentos que están negociando nos condenan a pagar máis cartos por ter menos servizos e menos axudas as persoas que o necesitan na nosa cidade”, denunciou

Centro de día de Beade-Valadares

Segundo apuntou a voceira do BNG, un exemplo “case esquecido pero moi gráfico” de como cambian os criterios en función de estratexias electorais é o centro de día de Beade- Valadares. Explicou que este centro, xunto á escola infantil e Vigosónico, foron construídos nunha parcela cedida a Xunta sen realizar as acometidas.

“Isto supuxo que pese a que as obras estaban rematadas no 2010 o centro de día non se abriu até este ano”, comentou, lembrando asemade que no 2012 o PP presentou unha moción demandando que se executaran as acometidas, que finalmente foron realizadas polo Consorcio de Benestar.

 

Iolanda Veloso: "Co hospital exemplifícase que o acordo entre PP e PSOE é unha condena para Vigo"