O BNG denuncia en Bruxelas as multas do ministerio de Hacienda aos emigrantes retornados

O BNG denuncia en Bruxelas as multas do ministerio de Hacienda aos emigrantes retornados

Ana Miranda presentou hoxe a denuncia acompañada de membros da Coordinadora Galega de Emigrantes Retornados, que engloba a 250.000 emigrantes galegos

A candidata nacionalista insta ao Parlamento Europeo a pronunciarse sobre a legalidade da decisión do Goberno español, que pretende facer pagar aos emigrantes polas súas xubilacións, que cobran doutros países despois de moitos anos de traballo no estranxeiro

DSCN4335

Vigo, 8 de maio 2014.- O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar unha denuncia en Bruxelas en defensa das pensións dos emigrantes retornados galegos, que se están a ver “acosados” polo Ministerio de Hacienda, que pretende facerlles pagar “inxustamente” polas xubilacións que cobran noutros países nos que cotizaron durante a súa vida laboral nos seus anos de emigrantes. Esta situación afecta a uns 250.000 emigrantes retornados galegos, que están a recibir multas de entre 8.000 e 20.000 euros.

A eurodiputada do Bloque e cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo nas vindeiras eleccións do 25 de maio, Ana Miranda, presentou públicamente esta denuncia en Vigo acompañada por membros da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, formada por 21 plataformas de afectados de toda Galiza.

Ana Miranda insta nesta iniciativa á Eurocámara a pronunciarse sobre a “legalidade” da decisión do Goberno español, que está a enviar multas e comunicacións de apremio a miles de emigrantes galegos, todas elas con atrasos e intereses de demora para que coticen polos ingresos procedentes das súas pensións no estranxeiro.

A candidata do Bloque considera “inxustas” as multas e o “acoso” ao que se están sendo sometidos os emigrantes retornados galegos por parte do Ministerio de Hacienda. “Son miles de emigrantes retornados aos que o Goberno español obriga a volver declarar o que cotizaron no estranxeiro”, explicou. A eurodeputada do Bloque advirte de que esta é “unha decisión recadatoria, que ningún outro Estado membro da Unión Europea adoptou”, polo que está convencida de que “Bruxelas terá algo que dicir, porque estas persoas xa declararon no seu día no país no que traballaban e agora ordénaselles volver facelo”.

DSCN4342O BNG propón a aplicación dunha fiscalidade sensible ao colectivo emigrante, que non afecte ás súas pensións, xa que o BNG entende estas percepcións como algo merecido, tras verse moitos galegos e galegas na obrigación de abandonar o seu país ante a falta de posibilidades laborais en Galiza. Ana Miranda afirmou que “a decisión do Goberno español incumpre varias directivas europeas e supón unha discriminación clara dos emigrantes retornados galegos con respecto a outros xubilados e ao resto de cidadáns da Unión Europea”, denunciou.

O BNG insta a Hacienda a loitar contra os grandes defraudadores

A candidata nacionalista instou ao Ministerio de Hacienda a mudar as súas prioridades e a “loitar contra os grandes defraudadores e as grandes bolsas de fraude fiscal que hai no Estado español, que están nas grandes empresas e as grandes fortunas, en vez de castigar a persoas xubiladas que se viron obrigadas a emigrar para gañarse a vida e volveron agora á súa terra despois dunha vida de traballo”.

Ana Miranda mostrou o seu apoio ao colectivo de emigrantes retornados e a súa repulsa á fiscalidade aplicada polo Goberno español, que obriga aos emigrantes retornados a tributar no Estado español cando as súas pensións son pagadas por países estranxeiros nos que cotizaron durante toda a súa vida laboral.

O borrador da Declaración da Renda deste ano dá a razón aos emigrantes

Xosé Lois Leirós, emigrante 30 anos en Suíza e dirixente da Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados, explicou que o Ministerio de Hacienda reclama declaracións complementarias dos últimos catro anos aos emigrantes retornados, cando non foron informados na Declaración da Renda de anos anteriores de que debían declarar as prestacións do exterior. De feito, argumentou Leirós, “o propio Ministerio de Hacienda danos a razón porque no borrador da Declaración da Renda deste ano xa figura un casilleiro específico para declarar as nosas pensións, algo que non existía antes, polo que o propio Goberno español está recoñecendo a súa culpabilidade”, asegurou.

O Ministerio de Hacienda reclámalles ademais aos emigrantes cantidades atrasadas e intereses de demora por non declarar en anos anteriores estas pensións que perciben do exterior, segundo explicou Leirós.

O BNG denuncia en Bruxelas as multas do ministerio de Hacienda aos emigrantes retornados