O BNG denuncia que a Xunta "tape os problemas de Ferrol prexudicando o naval de Vigo"
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e a deputada no Parlamento galego, Carme Adán, critican a estratexia da Xunta de querer tapar os problemas de fondo de Navantia, que aínda non ten levantado o veto para a construción civil, prexudicando a industria naval de Vigo. As nacionalistas fixeron así referencia ao anuncio que fixo o goberno galego de que o flotel comprometido para construír en Vigo poda facerse en Ferrol, se Barreras non consigue pechar os avais.
Non ten sentido que Feijoo anunciara o xoves 9,5 millóns ao fondo de Pymar para facilitar os avais de Barreras e agora ameace con trasladar a construción do flotel a Navantia, salientou Iolanda Veloso, quen lembrou que o propio conselleiro de Industria asegurou a semana pasada que os contratos de Pemex estaban a punto.
Para a portavoz municipal do BNG non é de recibo que o goberno galego xogue coas industrias e os seus traballadores e traballadoras, especialmente no medio dunha forte crise do sector que xa ten provocado a destrución de máis de 10.000 postos de traballo.
Iolanda Veloso cualifica de lamentable que o presidente da Xunta utilizara electoralmente un tema tan sensible como é a creación de emprego, prometendo incluso que en xaneiro comezaría a construción dos flotéis para Pemex.
A realidade é que Feijoo incumpriu todas e cada unha das súas promesas, posto que non hai contratos, nin avais e moito menos barcos en construción nas gradas dos estaleiros, denunciou a nacionalista, para quen é inadmisible que o presidente da Xunta non explique que asinou en periodo electoral.
Explicacións no Parlamento
Neste mesmo sentido, a parlamentaria do BNG Carme Adán asegurou que o Presidente da Xunta debe dar explicacións en sede parlamentar das verdadeiras razóns polas que Vigo queda sen carga de traballo.
"Feijoo debe explicar por que o buque comprometido con Barreras vai ser construido agora por Navantia, subliñou a deputada nacionalista.
Carme Adán lembrou que esta decisión terá un impacto económico moi negativo para o estaleiro vigués, as empresas auxiliares vinculadas ao sector naval e para un gran número de familias da comarca de Vigo, polo que reiterou que o BNG pedirá unha explicación, no Parlamento galego, ao Presidente da Xunta.