O BNG espera que a visita da delegación do Parlamento europeo impulse o saneamento da ría
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e a deputada no Parlamento europeo, Ana Miranda, fixeron unha primeira valoración da xuntanza mantida pola comisión de investigación en Vigo, na que os peticionarios expresaron as súas reclamacións. Neste sentido as nacionalistas afirmaron que o BNG se suma ás súas demandas, de xeito que a visita da delegación sirva de revulsivo para acadar o saneamento integral da ría de Vigo.
Iolanda Veloso subliñou a importancia de escoitar aos peticionarios, en tanto que o problema do saneamento vai máis alá da depuradora, e lembrou que entre os temas tratados na xuntanza figuran a problemática dos recheos, a necesidade do tratamento dos residuos e o respecto ao medio ambiente por parte das industrias.
Críticas á visión triunfalista
Fronte a existencia destes problemas, a portavoz municipal do BNG criticou o ton triunfalista utilizado polo alcalde. A visión triunfalista non parece a mellor forma de afrontar o saneamento da ría cando a realidade é outra e queda moito por facer, salientou.
Por iso Iolanda Veloso destacou a necesidade de que a visita da delegación de investigación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sexa un elemento de presión que sirva para fomentar o traballo coordinado entre as administracións implicadas.
A portavoz municipal expresou a súa confianza de que dunha vez por todas se complete o saneamento da ría, unhas das demandas históricas do BNG, que ao seu xuizo debe ser o obxectivo que guíe todas as actuacións.
Tanto a portavoz municipal do BNG como a eurodeputada nacionalista salientaron a estraordinaria riqueza da ría de Vigo, que conforma un ecosistema único en Europa, polo que expresaron que esta comisión de investigación contribúa a preservala e poñela en valor.
Hoxe, 13 anos incumprindo
Ana Miranda, ademais, fixo referencia á data que actualmente se baralla como entrada en funcionameno da nova depuradora, o 2015. Hoxe Vigo leva 13 anos incumprindo, pero cando a depuradora estea en funcionamento, a cidade levará 16 anos de retraso no cumprimento da normativa da Unión Europea de tratamento de augas residuais, alertou.
Esta normativa establece que todas as poboacións de máis de 15.000 habitantes teñen que ter un sistema de tratamento de augas adecuado con data tope de 31 de decembro de 2000. A nacionalista lembrou que este incumprimento motivou que a Comisión Europea levase ao Estado español ante o Tribunal de Xustiza da UE.
É lóxico que a delegación se sorprendera que se tardara tanto en tomar medidas, comentou Ana Miranda, xa que segundo lembrou diversos colectivos xa presentaron denuncias no ano 1999. Precisamente foi no 2010 cando recibiu a representantes da Plataforma pola Defensa da Ría conseguiu que as súas peticións foran incluidas na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
Para a eurodeputada nacionalista cómpre atender ás múltiples denuncias sobre a contaminación das augas presentadas por cidadáns e entidades ante a Comisión de Peticións da Eurocámara e así poñer fin xa a este retraso que está afectando ao ecosistema da ría e deteriora o benestar das comunidades afectadas.