O BNG aposta polo consenso para que o Porto de Vigo figure na primeira liña da Rede de Transportes
O BNG aposta por unha actuación de consenso no Parlamento Europeo e por chegar a compromisos coas outras forzas políticas para conseguir que a Eurocámara corrixa a proposta actual da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T) é inclúa ao Porto de Vigo na categoría de infraestrutura principal ou nodal. En palabras da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, o obxectivo é "conseguir que o Porto de Vigo pase a estar na primeira división da grandes infraestruturas a nivel europeo".
Miranda presentou en Vigo as emendas rexistradas polo BNG na Eurocámara para corrixir o documento da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T) aprobado polo Consello Europeo o pasado 22 de marzo a través dos ministros de Transporte dos Estados membros, que constitúe a folla de ruta das grandes infraestruturas marítimas, ferroviarias e por estrada para o período 2014-2020.
As emendas da formación nacionalista salientan que o Porto de Vigo é líder europeo en capturas de peixe para consumo humano, ao que hai que engadir que é enlace coa autoestrada do mar que conectará os portos de Alxeciras con Nantes-Saint-Nazaire e Le Havre. Por outro lado, o BNG considera que a elección dun porto como nodal "non pode limitarse a criterios estatísticos, nin apostar só polos máis grandes, cando desde a UE pretendemos ir a un equilibrio territorial".
Estrada e ferrocarril
Ao porto de Vigo súmanse outras dúas emendas relacionadas con infraestruturas "necesarias" para a cidade e a súa área metropolitana. Neste sentido, Miranda presentou emendas para engadir a vía Benavente-Ourense-Vigo á rede principal de estradas da RTE-T, "pola capacidade para compensar a situación periférica de Galiza e para mellorar os enlaces coa Península".
Igualmente, o BNG rexistrou emendas para incluír o corredor ferroviario de alta velocidade León-Ourense-Santiago con conexión a Vigo, e unha inciativa para engadir no documento final a liña ferroviaria Vigo-Porto, "importante para a cohesión territorial e social entre a eurorexión Galiza-Norte de Portugal".
"Vigo xógase moito nesta RTE-T, porque a diferencia entre estar ou non estar nesta planificación europea e entre estar na rede básica ou estar na rede secundaria, como é o caso do Porto, se traduce en millóns de euros e nunha planificación áxil no tempo. Se as nosas infraestruturas non son incluídas ou son incluídas na categoría que non lle corresponde perdemos tempo na realización e recursos para investir", explicou Miranda.
Nesta apreciación tamén fixo fincapé o portavoz municipal Santiago Domínguez. "A importancia de que estas propostas sexan aprobadas é evidente, e así o entende o BNG", salientou.
Traballo coordinado
Por outro lado defendeu que a formación nacionalista está traballando coordinadamente non só desde o Concello, "senón desde todas as Administracións, -Eurocámara, Congreso e Parlamento galego-, nas que temos representación para acadar que o Porto ocupe o lugar que lle corresponde".
Na explicación en rolda de prensa das propostas, Miranda e Domínguez estiveron acompañados por Carme Adán e Olaia Fernández, deputadas no Hórreo e en Madrid, respectivamente.