O BNG esixe a paralización de todos os desafiuzamentos en trámite e que a nova lei sexa retroactiva

O BNG esixe a paralización de todos os desafiuzamentos en trámite e que a nova lei sexa retroactiva

 

O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, explicou este martes as propostas do Bloque Nacionalista Galego a respecto do problema que atravesan moitas familias debido aos desafiuzamentos. Ademais de criticar a falta de acordo entre o PP e o PSOE para chegar a unha solución, o nacionalista subliñou a reclamación de que se paralicen todos os desafiuzamentos en marcha e que se convoque un pleno extraordinario no que a Corporación manifeste a súa solidariedade coas familias afectadas.

“A cidadanía quere solucións e desde este punto de vista non entendemos como PP e PSOE onte non foron quen de poñerse de acordo para solucionar este problema”, salientou Domínguez, quen reiterou non entender que non se puxeran de acordo diante da gravidade da situación e pese “a presión social e mediática, e mesmo con mortos enriba da mesa”, e cando “en media os dous acordaron modificar a Constitución e crear o banco malo”.

O portavoz municipal nacionalista puxo de manifesto as contradicións destes dous partidos que rexeitaron en diversas ocasións as diferentes iniciativas levadas a cabo polo BNG tanto no Parlamento galego como no estatal e que agora “pretenden abandeirar o proceso” contra os desafiuzamentos.

Carácter retroactivo

Santi Domínguez salientou que as medidas anunciadas onte polo alcalde, como a retirada de fondos de entidades que fan desafiuzamentos, son insuficientes, polo que demandou que Vigo “abandeire institucionalmente a solución de este problema”. En primeiro lugar demandou a convocatoria dun pleno extraordinario “no prazo máis urxente posible” para que a Corporación isnte á FEM e á Fegam para que todos os concellos do estado “paralicen todos os desafiuzamentos que están en marcha”.

Neste sentido o nacionalista criticou os “criterios” esgrimidos onte pola banca e o ministro De Guindos sobre a 'extrema gravidade' e 'as familias de boa fe'. “Quen vai decidir cales son as familias que están en extrema situación. Como deixemos que decidan os bancos xa sabemos o que van decidir”, comentou. Defendeu asemade que a nova lei teña carácter retroactivo. “Non pode ser que as persoas que foron desafiuzadas teñan que seguir pagando a débeda”, sinalou.

OMIC a disposición

Xa respecto ao ámbito local, Santi Domínguez avanzou que o BNG solicitará que en todos os trámites de desafiuzamentos que se produzan en Vigo conten coa mediación do goberno local. “Cremos que é obriga do goberno estar ao lado das familias que atravesan estas circunstancias”, salientou.

O grupo nacionalista reclamará asemade que as oficinas municipais de información aos consumidores (OMIC) se poñan a disposición das persoas afectadas e das asociacións como Stop Desafiuzamentos, así como que o Concello de Vigo retire os cartos das entidades “que fan desafiuzamentos e deixan na rúa as familias”. Para Santi Domínguez, outra medida que debe contemplar o goberno local é que a Policía Local “non colabore con ningún desafiuzamento máis”.

Finalmente, destacou que no pleno extraordinario que se celebre o Bloque proporá que a Xunta restitúa as axudas ás vivendas protexidas e que en Vigo afectan sobre todo ás familias de Navia.

Chamamento á folga

“Se nalgún momento hai razóns para unha folga xeral é este, e só o problema dos desafiuzamentos é unha razón para ir”, asegurou o concelleiro Xabier Alonso. Ao respecto fixo un chamamento a toda a cidadanía para que participe na manifestación que mañá terá lugar en Vigo ás 11.30 horas.

O BNG esixe a paralización de todos os desafiuzamentos en trámite e que a nova lei sexa retroactiva