Domínguez lembra ao alcalde que aínda non ten os votos do BNG para aprobar os orzamentos municipais
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, acusou este xoves aos concelleiros do PP de non facer oposición ao goberno local e de ser unicamente delegados da Xunta e do goberno central, polo que lles instou a pedir á Xunta investimento para políticas de emprego. Asemade lembrou ao alcalde que aínda non ten os votos dos tres concelleiros do BNG para aprobar os orzamentos.
Tras criticar que o alcalde se comparase con Obama, Santi Domínguez asegurou que o BNG poucas leccións sobre humanizacións pode recibir, ao ser o Bloque quen comezou as peonalizacións en Vigo coa clara oposición de PP e PSOE. Porén o nacionalista asegurou que o debate non está en humanización si ou non, senón que o eixo do problema é como saír da crise.
Gasto desproporcionado
Considerou dubidoso que os millóns gastados en humanizacións supoñan a creación de 2.400 postos de traballo, polo que instou a que alguén diga onde están as 2.400 persoas que atoparon emprego grazas as obras. Que nos digan onde están, indicou ao respecto. Ademais cualificou de desproporcionado o gasto realizado nas humanizacións, tendo en conta que o alcalde só contemplaba pouco máis de un millón de euros para o Plan de Emprego, engadiu.
O portavoz municipal nacionalista destacou, por outro lado, que que o único certo é que paro aumenta na cidade, superando as 34.000 persoas en situación de desemprego, e a enquisa de poboación activa apunta que tamén hai desemprego nos sectores relacionados coas humanizacións. Pero as persoas que consiguen emprego grazas ao Plan Municipal de Emprego si está aí e se poden comprobar no parque de Santa Cristina, defendeu.
Referíndose ás manifestacións de Caballero, o nacionalista recoñeceu que é certo que o PSOE ten 11 concelleiros e concelleiras na Corporación viguesa E pode seguir presumindo o que queira, pero quero recordarlle que con só 11 concelleiros non sería alcalde, indicou ao respecto.
O alcalde ten que ter en conta que aínda non ten os votos para aprobar os orzamentos e que ten que conseguilos. Para iso debe presentar unhas contas que prioricen o emprego e os servizos sociais. De non ser así, non os terá, destacou o portavoz municipal do BNG.
Desorientación do PP
Por outro lado, e en referencia ás declaracións dos populares, Domínguez criticou a súa desorientación, xa que segundo considerou non acaban de darse conta de que son concelleiros de Vigo. Cualificou ademais a súa actitude de paradóxica, ao criticar uns días ao goberno porque os gastos para humanizacións son excesivos e outros a nós por pedir que se aumenten as partidas para xenerar emprego.
Afondando nesta cuestión asegurou que o PP debería calarse por vergonza política, xa que as súas políticas de recortes provocan a situación desesperada de moitas familias. Resulta paradóxico que sexa o BNG quen se esforza para dar solucións aos problemas que precisamente o PP xenera coas decisións que toman no goberno central e galego, comentou.
BNG na oposición
Reinvindicou asemade o papel do Bloque na oposición, ao ser quen de que o goberno local se poña as pilas. Neste sentido asegurou que se fora polo Partido Popular o goberno municipal non tería destinado case 6 millóns ao Plan Municipal de Emprego nin tería incrementado as partidas de servizos sociais. A labor da oposición non é criticar por criticar, senón facer propostas positivas para a cidade, comentou neste sentido. Defendeu ademais que o BNG defende as políticas que considera que necesarias para Vigo. E non se preocupen, que non deixaremos que o PP goberne nesta cidade, rematou.