O BNG e Galiza Nova chaman á mobilización en resposta á política de recortes do PP no ensino
No inicio dun curso académico marcado pola vixencia da Lomce, o Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova expresaron o seu rexeitamento aos recortes que o Partido Popular está acomentendo no ensino público. En resposta, fixeron un chamamento á rebelión e a participar na mobilización que terá lugar o vindeiro domingo 15 de setembro en Compostela.
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou que a Lomce é unha lei baseada na segregación, ditada pola xerarquía eclesiástica, pola patronal do ensino privado e concertado, e polos sectores máis reaccionarios da dereita. Ao seu xuízo, con esta lei o PP busca privatizar o ensino e así obstaculizar o acceso universal á educación.
Trátase dunha lei que se rixe pola imposición lingüística favorecendo a españolización do alumnado nos territorios como Galiza advertiu Veloso tras un reparto de material informativo sobre os recortes no ensino. Tamén alertou de que a cidadanía terá que custear a escola privada do alumnado que queira escolarizarse en castelán.
Rebaixa orzamentaria
A respecto do ensino universitario destacou que esta política de recortes dos goberno do PP de Rajoy e Feijóo amósase no feito de que a rebaixa orzamentaria do sistema universitario galego alcanza o 20% en catro anos. Teñen o único obxecto de afundir as universidades públicas galegas, asegurou.
Para a portavoz municipal do Bloque a nova lexislación e os recortes salariais ao profesorado buscan un cambio de modelo que pasa polo afogo económico e a privatización das universidades, non garantindo a suficiencia financeira nin a calidade da docencia e a investigación.
Sistema de bolsas inxusto
O secretario xeral de Galiza Nova, pola súa banda, advertiu de que a subida de taxas e sobre todo a reforma Wert do sistema de bolsas expulsarán do sistema universitario a moitos mozos e mozas de familias con menos recursos.
Alberte Mera considerou inxusto o novo sistema de bolsas, priorizando os criterios académicos sobre os económicos e que só busca que menos xentes poida optar ás bolsas.