O BNG insiste na necesidade de consenso para coordinar e potenciar os aeroportos galegos

O BNG insiste na necesidade de consenso para coordinar e potenciar os aeroportos galegos

Iolanda Veloso avanza que no pleno do luns o Bloque se absterá na modificación de crédito para o Plan de apoio a Peinador

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, valorou positivamente a celebración onte da xuntanza do “precomité” de rutas, tal e como sempre demandou o Bloque para coordinar e potenciar a actividade dos tres aeroportos galegos. Ademais reclamou consenso e vontade de chegar a acordos para crear un sistema aeroportuario galego no que as tres terminais sexan complementarias.

“Sempre pedimos consenso para crear un sistema aeroportuario galego porque pensamos que esta é a única vía para que rexurda Peinador”, asegurou a responsable nacionalista, quen alertou de que “cada día que pasa enleados no debate, en enfrontamentos partidistas e leas electorais o aeroporto de Vigo empeora a súa posición”.

Iolanda Veloso afirmou que a reunión mantida onte, na que estaban os alcaldes das tres cidades e representantes das administracións implicadas, é un primeiro paso que serviu para “poñer enriba da mesa unha proposta que hai que debatir”. Para o Bloque, cada administración ten que asumir as súas competencias sobre o aeroporto, xa que se ben a infraestrutura depende de Aena, a coordinación entre os tres aeroportos galegos depende da Xunta de Galiza,

Responsabilidade do Partido Popular

Nesta liña, a voceira nacionalista lembrou que as competencias sobre os aeroportos non son municipais, polo que avanzou que o BNG se absterá na votación sobre a modificación de crédito para o Plan de Apoio ao Aeroporto de Peinador “porque temos claro que a responsabilidade da situación de Peinador é do Partido Popular”.

“Tanto desde o goberno do Estado como desde a Xunta o PP hai anos que abandonou Peinador, xa que non investiron nin traballaron para crear un sistema aeroportuario galego”, criticou ao tempo que lembrou que hai un ano a ministra de Fomento anunciou un plan de negocio para o aeroporto. “Que fixeron neste tempo? Absolutamente nada”, denunciou.

Para Iolanda Veloso cómpre que o PP “se defina dunha vez, porque non fai nada nas administracións nas que ten competencias e en Galiza toma decisións en sentidos diferentes”, defendeu. “Queremos saber que queren para Vigo e que o digan”, salientou.

Colaboración do alcalde

Preguntada pola postura do alcalde, quen asegurou que aínda que a proposta non lle gusta fará as súas achegas, a portavoz municipal do BNG subliñou que “queremos que colabore para contar cun sistema aerportuario galego”.

“Queremos que o alcalde busque consensos e reclame para Vigo o que é de xustiza, é dicir, o que é necesario para que Peinador teña algunha posibilidade para saír adiante”, afirmou Iolanda Veloso, quen tamén manifestou a necesidade de que o rexidor vigués “participe no comité de rutas e colabore e se hai axudas que as reclame para Vigo, pero asumíndoas a Xunta”, salientou.

O BNG insiste na necesidade de consenso para coordinar e potenciar os aeroportos galegos