O BNG reclama á Axencia Tributaria que anule as sancións aos emigrantes retornados
O Bloque desenvolve unha campaña informativa en todo o país baixo o lema "Xustiza para os emigrantes galegos" e critica que as medidas de Hacienda son inxustas
Baixo o lema Xustiza para os emigrantes galegos o Bloque está desenvolvendo unha campaña de denuncia das medidas que a Axencia Tributaria está aplicando aos galegos e galegas beneficiarios de pensións percibidas no estranxeiro, e que inclúe iniciativas en todas as institucións, segundo explicaron a deputada Carme Adán, e o responsable comarcal, Manuel Caride.
Demandamos que se paralicen os expediantes sancionadores e ademais que se revisen eses expedientes, subliñou Carme Adán. A deputada nacionalista explicou que Hacienda reclamou nos últimos meses aos beneficiarios galegos e galegas de pensións no estranxeiro por non tributar por ditas cantidades nos exercicios a partir do ano 2008, aínda que na maioría dos casos descoñecían que tiñan esta obriga.
Desde o mes de febreiro en que algúns contribuíntes recibiron estes requirimentos, as reunións mantidas coa AEAT non deron resultados concretos, agás a posibilidade de ampliación de prazos para o pago das declaracións complementarias.
Afán recadatorio
Para Adán, trátase dunha medida inxusta na que aos emigrantes retornados se lles reclama boa parte dos seus aforros, especialmente comparándoa coa permisividade a respecto dos defraudadores fiscais. É unha medida puramente recadatoria, que antes nunca se aplicara, pero agardamos que o PP escoite, indicou.
Ademais, explicou que até hai poucos días os expedientes sancionadores referíanse ao exercicio 2008 e permitían a presentación en período voluntario das declaracións dos anos 2009 2010, 2011 e 2012. Porén, recentemente hai persoas que recibiron expedientes que inclúen todos os exercicios, feito que complica de forma moi relevante a súa situación, asegurou ao respecto.
Para o BNG, a única saída a esta situación é que o Goberno do Estado anule todos os expedientes sancionadores e que se inicie unha campaña para informar adecuadamente aos e ás pensionistas afectados das súas obrigas tributarias futuras, obviando os exercicios do período 2008-2012.
Inmoralidade das multas
Non deixa de ser sorprendente que neste contexto, e cinco anos máis tarde, reciban estes requirimentos por parte da Axencia Tributaria, nos que ademais se lles comunica a posible imposición de sancións por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían, comentou Carme Adán.
Diante desta posibilidade de que os emigrantes retornados sufran sancións por parte da Axencia Tributaria Caride asegurou que son claramente inmorais, asegurou o responsable comarcal, Manuel Caride, d. A insensibilidade por parte do ministerio é alto, engadiu.
Caride explicou que a campaña que está levando a cabo o Bloque inclúe a presentación de mocións nos concellos (xa están aprobadas en Mos e Fornelos), así como a celebración de asembleas informativas en localidades da comarca, como son Vigo, Mos, Redondela e Gondomar. Neste sentido avanzou que a xuntanza en Vigo será o vindeiro 18 de setembro ás 19 horas na Casa Galega da Cultura.