O BNG reclama ao Estado fondos para fomentar o naval e o emprego e mellorar as infraestruturas
Iolanda Veloso e Olaia Fernández presentaron as emendas do Bloque para que os orzamentos xerais recollan as necesidades da cidade
A portavoz municipal, Iolanda Veloso, e a deputada Olaia Fernández, presentaron as emendas do Bloque aos orzamentos xerais do estado en relación a Vigo coa intención de que recollan as necesidades da cidade. Partidas para impulsar o sector naval e a creación de emprego, así como a mellora das infraestruturas e a conexión intermodal centran as demandas nacionalistas.
Non pedimos obras faraónicas, senón investimentos de sentido común que melloren as infraestruturas e que potencien as relacións económicas e de comunicación dos vigueses e viguesas, subliñou a portavoz municipal do Bloque, quen criticou a falta de compromiso do goberno do Estado con Vigo e incluso a falta de execución das partidas debido á falta de vontade política do PP.
Iolanda Veloso sinalou que hai meses que os problemas de Peinador centran os debates políticos, pero nós insistimos en que posto que as competencias a respecto da xestión son de Adif, é nos orzamentos do estado onde ten que reflectirse o compromiso. Deste xeito explicou que o BNG presenta dúas iniciativas para mellorar a competitividade do aeroporto vigués.
Se por un lado reclámase unha partida de 1,2 millóns para conectar directamente a terminal viguesa coa AP-9, por outro demándase unha partida de 300.000 euros destinada á construción dunha área loxística ao carón de Peinador, de forma que impulse ao aeroporto como terminal de mercadorías.
Investimentos de sentido común
A creación desta área loxística próxima ao aeroporto é un exemplo de investimento de sentido común necesario para o desenvolvemento económico da cidade, destacou a portavoz nacionalista. Neste sentido fixo fincapé na necesidade de impulsar o transporte intermodal e a conexión entre as diferentes infraestruturas da cidade, co obxectivo de sacarlle o maior rendemento posible.
Para o BNG é fundamental incluír unha partida de 600.000 euros para estudar a conexión do porto, a estación do AVE e o aeroporto de xeito que se mellore o transporte público. Asemade, o Bloque defende unha emenda para conectar o porto vigués e a Plataforma Loxística Plisan.
No tocante ás infraestruturas a portavoz municipal do Bloque tamén salientou a necesidade de que os OXE contemplen a adecuación da avenida de Madrid, para o cal o BNG reclama unha partida de 2 millóns. A nacionalista lembrou que no verán anunciouse o traspaso da titularidade deste vial, pero este traspaso facíase sen arranxalo e sen incluír dotación orzamentaria, criticou.
Ao respecto tamén lembrou o feito curioso de que o alcalde anunciara incluso cantidades para arranxar esta estrada con cartos municipais, así como a súa resposta a unha pregunta do BNG sobre o traspaso na que asegurou que aínda non había ningún comunicado oficial ao respecto. Nós queremos que se traspase, pero que os OXE destinen 2 millóns de euros para resolver os problemas de acceso á cidade no tramo máis conxestionado, destacou.
Por outro lado, e como consecuencia da preocupación do BNG pola nosa riqueza natural e patrimonial, inclúe unha emenda dotada con 150.000 euros destinada á recuperación integral das Illas Cíes. O obxectivo desta proposta é eliminar as especies foráneas e adecuar a vexetación existente.
Dinamización económica
Olaia Fernández, pola súa parte, subliñou que o obxectivo das emendas que presenta o BNG é dinamización económica, para o cal defende a inclusión de 480 millóns de euros dos que 160 irían destinados a potenciar o sector naval. Unha cousa é a austeridade, que hai que ter en conta, e outra o austericidio, defendeu a deputada do BNG.
Para Fernández Davila é fundamental que o goberno central reactive os sectores produtivos e xeración de emprego. Posto que precisamente esta é unha das carencias dos orzamentos do estado, o BNG presenta unha emenda dotada con 56 millóns de euros, xa que o Bloque non só compre facer fronte ao paro rexistrado, senón tamén facilitar a inserción laboral de desempregados dos sectores crise.
No eido socio-sanitario a deputada nacionalista explicou que o BNG demanda 165 millóns de euros para facer fronte ás axudas á dependencia e os programas de servizos sociais. O goberno di que o 52% dos orzamentos son de políticas sociais, pero isto é cando menos discutible xa que están incluídos os seguros sociais, cuxos fondos saen das cotizacións á Seguridade Social, sinalou.
Finalmente, Olaia Fernández mencionou que o Bloque pide a inclusión dunha partida de 4 millóns para o saneamento das rías galegas e o incremento en 300.000 euros da achega á Real Academia Galega.