O BNG levará ao vindeiro pleno unha moción na que esixe que o goberno cumpra os acordos plenarios

O BNG levará ao vindeiro pleno unha moción na que esixe que o goberno cumpra os acordos plenarios

Iolanda Veloso criticou que os acordos aprobados no pleno vigués tampouco figuran no proxecto de orzamentos pactado entre PSOE e PP

OLYMPUS DIGITAL CAMERAVigo, 21 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, avanzou que no vindeiro pleno o grupo nacionalista presentará unha moción na que reclamará ao goberno local “facer efectivo o cumprimento de todos os acordos plenarios acadados”. A voceira nacionalista subliñou que o BNG quere instar unha vez máis ao goberno vigués a que cumpra os acordos “por respecto ao funcionamento democrático e á cidadanía viguesa” e criticou que eses acordos non figuran no proxecto de orzamentos pactados entre PP e PSOE.

Segundo denunciou Iolanda Veloso, o alcalde “tenos acostumados a non cumprir os acordos” pese a votar a favor deles en repetidas ocasións e a que o normal é que os acordos plenarios se cumpran. Como exemplo desta situación, fixo referencia a tres incumprimentos “moi gráficos” acontecidos nos últimos meses e “que desde o Bloque non entendemos que aínda estean sen executar”.

Plan de publicidade

A voceira do Bloque lembrou que no pleno de xullo de 2013 aprobouse unha moción presentada polo BNG, cos votos a favor dos grupos do BNG e do PSOE e a abstención do PP, instando ao goberno municipal á presentación dun plan anual de publicidade e comunicación e dunha memoria dos gastos de publicidade e propaganda realizados ata esa data, así como a previsión dos gastos até finais de ano.

“Porén, a día de hoxe seguimos sen saber de onde saíron os cartos dedicados a importantes campañas de publicidade e propaganda de claro corte partidista”, manifestou Iolanda Veloso, ao tempo que criticou que “mesmo foron retraídos cartos do plan de compensación contra a crise”.

A portavoz nacionalista explicou que esta iniciativa pretendía “ter algunha ferramenta de control de gastos en propaganda, pero desde xullo de 2013 non se fixo absolutamente nada”. “Vemos ademais que no proxecto de orzamentos pactado entre PP e PSOE para este ano non sei fai esforzo ningún en reducir os gastos de publicidade e propaganda”, criticou.

Local alternativo para Sereos

Iolanda Veloso tamén fixo referencia á aprobación por unanimidade, en setembro do ano pasado, dunha moción presentada polo PP e emendada polo BNG instando ao goberno local a que no prazo máximo dun mes presentase unha alternativa de local permanente que garantise a atención aos usuarios e usuarias de Sereos.

“A realidade é que sete meses despois este servizo segue sen contar cun local digno e que os usuarios e usuarias seguen na rúa”, denunciou a voceira do Bloque, quen asemade criticou que no proxecto de orzamentos para 2014 “non aparece ningunha partida para este servizo”.

Bonobús para desempregados

Por outro lado, a portavoz do BNG lembrou que no pasado mes de decembro aprobouse por unanimidade a creación dun bonobús para persoas desempregadas de longa duración e sen recursos. “O certo é que non houbo ningunha intención de encaixalo nos orzamentos e desde o primeiro momento si houbo declaracións do alcalde dicindo que era inasumíbel, facendo unha previsión de custes totalmente desproporcionadas”, manifestou ao respecto.

Iolanda Veloso criticou ademais a negativa do alcalde a negociar calquera tipo de modificación do acordo que permitise cumprilo. “Tanto desde o BNG como desde a asemblea de desempregados da CIG propúxose que por exemplo que o bono non fose totalmente gratuíto”, sinalou. “Por suposto no proxecto de orzamentos esta subvención non se contempla, aínda que si se inclúe a subvención de billetes de avión”, criticou.

“Estes son tres acordos que tomamos como exemplos importantes dos incumprimentos que teñen repercusión para a cidadanía”, sinalou a voceira nacionalista, quen recordou asemade que xa en outras ocasións os grupos da oposición “reclamamos a este goberno o cumprimento dos acordos plenarios”.

 

O BNG levará ao vindeiro pleno unha moción na que esixe que o goberno cumpra os acordos plenarios