O BNG non participa no pleno do 8M ao rexeitar que se impida a intervención das mulleres políticas
Tras a celebración do Pleno convocado polo Consello Municipal da Muller correspondente ao 8 de marzo, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, explicou as razóns que levaron á formación nacionalista a non asistir ao mesmo. En resposta ás preguntas dos medios, a nacionalista salientou que non quixo participar nun pleno no que se me pedía que estivese calada.
Iolanda Veloso subliñou que, pola contra, o que temos que facer é loitar para poder falar no maior número de sitios posibles. Segundo explicou, a intención é que haxa cada vez máis espazos nos que as mulleres poidamos participar, en lugar de impedir a súa participación.
A portavoz municipal do BNG explicou que o Consello Municipal da Muller decidiu solicitar aos grupos municipais que o integran (BNG, PSOE e PP) que non interviñeran no pleno de hoxe e cederan a súa voz ás asociacións de mulleres. Diante desta situación, a propia Iolanda Veloso, como representante do BNG, solicitou a revisión deste acordo indicando que as mulleres da comisión de acción feminista do Bloque desexaban intervir no pleno.
Decisión antidemocrática
Expliquei que quería participar para falar da loita pola igualdade dende a política, ao entender que a política é necesaria para avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades, destacou Iolanda Veloso. Porén, a insistencia do Consello Municipal da Muller na non intervención das mulleres políticas pareceunos pouco axeitado e antidemocrático, manifestou.
Preguntada polas motivacións que levaron ao Consello Municipal da Muller a tomar esta decisión, Iolanda Veloso sinalou que este organismo instou ás representantes políticas a ceder a súa voz ás asociacións de mulleres para non quitarlles tempo das súas intervencións.
Diante desta situación, e tendo en conta que a organización do pleno do 8 de marzo compete ao propio Consello, Iolanda Veloso considerou que, pola contra, impedir a intervención das representantes políticas supón quitarlle a voz ás mulleres que traballamos en política con perspectiva de xénero e feminista.
Visibilización das mulleres
A través dun comunicado, o BNG afirma que desde a formación nacionalista seguiremos apoiando sempre a loita por acadar maiores espazos de representación, expresión e visibilización para as mulleres, para todas as mulleres. Nesta liña lembra que este apoio materializouse tendo a responsabilidade na concellería de Igualdade do Concello de Vigo coa institucionalización da celebración deste pleno do Consello Municipal da Muller o 8 de marzo no salón de plenos da cidade.
O texto menciona tamén a intervención dunha representante do Consello Municipal da Muller no pleno ordinario da corporación municipal do mes de novembro para a lectura dunha declaración institucional polo 25 de novembro elaborada polo propio Consello.
O BNG anima a participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, que en Vigo sairá ás 20 horas da Praza de Portugal e rematará na Porta do Sol.