Iolanda Veloso denuncia que o goberno envía incompleto o documento do proxecto de orzamentos
O BNG considera que a actitude do alcalde demostra que non quere negociar nin atender as necesidades da cidadanía
Vigo, 12 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou que o goberno faga chegar ao grupo municipal o documento dos orzamentos en papel, pegado con esparadrapo e incompleto. Segundo manifestou, para o Bloque o xeito de actuar a respecto deste documento por parte do alcalde está bastante lonxe do que nós entendemos por diálogo democrático sobre os orzamentos.
Temos máis información pola prensa que polo documento que recibimos, denunciou a voceira do BNG, quen salientou que ao grupo municipal hoxe non foron remitidos os informes técnicos correspondentes. Polo que sae na prensa parece que temos máis do mesmo do que se aprobou o ano pasado, que non lle gustou ao alcalde e logo modificou, engadiu.
Neste sentido Iolanda Veloso subliñou que para o BNG hai un aspecto fundamental no debate dos orzamentos, como é o respecto ás decisións do pleno e o debate democrático sobre cuestións básicas, en referencia á negativa do alcalde a debater sobre as ordenanzas municipais. Atopamos unha falta de respecto absoluto ás decisións aprobadas no pleno, dixo a portavoz nacionalista en relación aos orzamentos de 2013, que pese a ser aprobados pola corporación foron posteriormente modificados.
Non nos vale que se aproben os orzamentos cos votos do partido do goberno e que logo o propio goberno non os asuma como propios, destacou Iolanda Veloso, ao tempo que asegurou que hai actuacións irrenunciables, como é que os orzamentos se aproben e se executen. Segundo afirmou, esta actitude supón un problema serio, que provoca falta de confianza. É case un acto de fe, e xa levamos dous. Xa sabedes que no BNG somos pouco dados aos actos de fe en xeneral, comentou ironicamente.
Prioridades básicas
Asemade, a portavoz nacionalista asegurou que a presentación aos grupos municipais do documento non amosa o compromiso para atender ás necesidades da cidadanía, mentres que para o BNG hai cuestións básicas, tendo en conta o gran número de persoas sen recursos da cidade que teñen que ser atendidas polas administracións.
Preguntada pola existencia de partidas para voos e becas de inglés no proxecto presentado polo alcalde, Iolanda Veloso asegurou que para o BNG non é unha prioridade, posto que hai nenos e nenas que quedaron sen a bolsa de comedor. Temos claro que non é unha prioridade, posto que desde o ano pasado non melloraron as circunstancias, máis ben empeoraron, incidiu.
No tocante ao cheque social, que segundo a prensa é de 2 millóns e está destinado a alimento, vivenda e consumo enerxético, a voceira denunciou o recorte de máis dun millón de euros, de xeito que o total non chega á cantidade que se repartiu en 2013. En referencia ao cheque para vivenda comentou que o interesante sería contar con vivendas sociais para que a xente non quede sen casa como está acontecendo actualmente.
Apoio dos grupos
Se conta co voto do noso grupo non sei por que non presentou as ordenanzas, dixo a voceira ao ser preguntada se considera que o alcalde dá por seguro o apoio do BNG aos orzamentos de 2014. Non sei que apoio ten máis seguro, se o do BNG ou o do PP. Pero nas últimas modificacións orzamentarias tivo o apoio do PP, sinalou.