O BNG urxe a modificación do regulamento de participación cidadá e de funcionamento do pleno

O BNG urxe a modificación do regulamento de participación cidadá e de funcionamento do pleno

Serafín Otero reuniuse coa directiva da Federación Veciñal e lles trasladou o apoio do BNG fronte ao desprezo do goberno local

 

xuntanza favecVigo, 14 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, mantivo unha xuntanza coa directa da Favec, na que ademais de amosarlles o respaldo do Bloque expuxo os eixos xerais do programa eleitoral e os principais proxectos para os vindeiros catro anos da fronte nacionalista, en especial a participación cidadá. No encontro tamén participou a candidata 4, Ernes Rodríguez, e o responsable local, Henrique Viéitez.

“Esta é unha cuestión fundamental para o BNG que non só imos tratar nos próximos catro anos, senón inmediatamente no momento no que entremos no Concello”, salientou Otero, quen defendeu a necesidade de facer un novo regulamento de participación cidadá que “realmente dea capacidade para que os movementos veciñais e sociais poidan ter unha participación directa e democrática”.

Neste sentido tamén defendeu que estas entidades reciban toda a información necesaria para que poidan desenvolver o seu traballo, “traballo sen o cal seguramente o Concello de Vigo non sería capaz de abarcar todo o que está facendo, tanto no ámbito reivindicativo como no cultural e deportivo”, considerou.

Asemade, o candidato nacionalista defendeu a modificación do regulamento dos plenos da Corporación. “Entendemos que hai que darlle moita máis capacidade e moita máis participación aos movementos sociais”, subliñou Otero, para quen “non pode ser que participe nun pleno aquela persoa ou aquel colectivo que sexa única e exclusivamente do desexo de quen goberna no concello”.

Crítica ao clientelismo

“Entendemos que hai que facer un regulamento que dea capacidade para que os veciños e veciñas de Vigo podan tomar as decisións”, manifestou o candidato do Bloque, quen destacou asemade que outra medida que defende o BNG é impulsar a “descentralización administrativa e política do Concello”, de forma que se respecte a configuración de barrios e parroquias existentes da nosa cidade.

Ao respecto sinalou que cómpre “dar capacidade aos veciños e as veciñas, aos barrios e as parroquias” e propuxo a organizacións de xuntas parroquiais !nas que se poidan tomar decisións e participación que serva para que desde o Concello se poidan cubrir directamente as necesidades de todos os barrios e parroquias”.

xuntanza favec 2“Non pode ser que se lle dea única e exclusivamente a aquelas organizacións ou movementos sociais que di “si bwana” e non aos que non o din”, criticou Otero, quen defendeu que o trato “ten que ser igual para todos”. “Hai que acabar co caciqueo”, asegurou ao tempo que quixo amosar o apoio á Favec “fronte ao desprezo que sofre por parte do goberno municipal”.

Situación da Favec

Pola súa banda, a presidenta da Federación Veciñal, María Pérez, recoñeceu que a Favec atravesa unha “situación crítica”, polo que agradeceu o apoio e respaldo amosado polo Bloque desde hai anos, “xa que temos convenio grazas ao BNG”, lembrou.

Sobre a situación actual, a representante veciñal explicou que desde o goberno local non se lles aboaron parte dos convenios subscritos co Concello, “moitas veces sen contestación algunha”, apuntou, pese a que os teñen xustificado coas actividades que se fixeron nas diversas asociacións, “e das que se beneficiaron miles de veciñas e veciños”, apuntou.

“Non hai xustificación ao trato discriminatorio e o veto á Federación Veciñal”, asegurou Pérez, quen asemade criticou as “políticas clientelares” desenvolvidas polo goberno local. “Non pode ser que un goberno nos desprece por dicir o que pensamos e se pensamos que primeiro hai que humanizar as persoas que as rúas o estamos dicindo porque temos datos obxectivos e específicos de persoas que non teñen que comer”, subliñou.

María Pérz tamén se referiu ás traballadoras sociais “que se están queixando de que non dan avío” na solución dos problemas dos vigueses e viguesas. “Hai que estar coa xente e non só coa xente que nos convén e debaixo da alfombra meter o que non gusta”, manifestou ao tempo que criticou que o goberno local meta medo “nas asociacións que dependen das axudas municipais”.

 

O BNG urxe a modificación do regulamento de participación cidadá e de funcionamento do pleno