O Bloque aproba as súas propostas para potenciar Peinador coa abstención de PSOE e PP

O Bloque aproba as súas propostas para potenciar Peinador coa abstención de PSOE e PP

Iolanda Veloso reprocha ao alcalde que fose á inauguración da nova terminal para aplaudir á ministra de Fomento e non para reclamar o que lle corresponde a Vigo

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA Vigo, 2 de xuño de 2014.- No pleno da corporación celebrado hoxe, o BNG conseguiu sacar adiante a súa moción de respaldo ao aeroporto de Peinador cos seus únicos votos a favor e a abstención de PSOE e PP. A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou que esta proposta é a mesma que se aprobou no Concello da Coruña en apoio ao aeroporto de Alvedro. “Traémola aquí porque pensamos que o aeroporto vigués non é menos”, asegurou.

Iolanda Veloso destacou que o BNG sempre defendeu a complementariedade dos tres aeroportos galegos, mantendo en todos os casos esta postura, así como a necesidade de que cada administración asuma as súas competencias. Porén criticou que o Bloque non fose convidado á inauguración da nova terminal viguesa, “polo que se entende que unha das forzas presentes non ten como prioridade a colaboración”, apuntou.

Criticou asemade o papel xogado polo alcalde de Vigo, xa que ao seu xuízo a súa principal actuación “foi aplaudir a inacción de Fomento, en lugar de reclamar o que lle corresponde á cidade”, salientou a voceira nacionalista, quen fixo unha comparación entre o investido no aeroporto compostelá e a terminal viguesa.

Neste sentido sinalou que na nova terminal de Lavacolla, inaugurada no 2011, Fomento investiu 250 millóns de euros, cunha proxección para 4 millóns de viaxeiros. Pola contra, na nova terminal de Peinador o investimento é de 48 millóns, mentres a proxección de pasaxeiros é de 700.000.

“A ministra de Fomento conténtase con que Peinador peche este ano con 700.000 pasaxeiros cando o aeroporto vigués pechou o 2013 con 678.720?”, ironizou Iolanda Veloso sobre as palabras de Ana Pastor en Vigo. Ao respecto incidiu nas criticou a Caballero por que non fose quen de esixirlle á ministra que cumpra coa cidade.

Pacto PP-PSOE

A portavoz municipal do Bloque lamentou as palabras do voceiro socialista ao dicir que a proposta presentada hoxe chegaba tarde e que o BNG mudara a súa postura desde os acordos adoptados o 5 de agosto do ano pasado. “Lamentamos que se diga que xa non é o momento de defender o aeroporto de Peinador, porque segue caendo en picado”, manifestou.

“Que se fixo das medidas recollidas no acordo do 5 de agosto? Absolutamente nada”, salientou Iolanda Veloso, ao lembrar que desde o goberno local só se fixo unha convocatoria para as aeroliñas que quedou deserta ao non presentarse ningunha. “A realidade é que Peinador sigue en crise e que Fomento, a Xunta e o Concello de Vigo non toman ningunha medida”, asegurou.

Segundo destacou a voceira do BNG, “o principal problema de Peinador é o acordo entre PP e PSOE, que impide que se tomen medidas reais para solucionar os problemas do aeroporto”, ao igual que acontece noutros temas de xestión municipal.

Acordos aprobados

O documento do Bloque aprobado hoxe inclúe sete acordos para impulsar o aeroporto vigués. Entre eles destaca amosar a unidade sen fisuras de todos os interlocutores políticos, sociais, económicos, laborais e institucionais da cidade para manter e mellorar a competitividade e sustentabilidade no tempo de Peinador, así somo esixir que se realicen os investimentos previstos no aeroporto.

Tamén insta a amosar o inequívoco compromiso do Concello de Vigo de continuar coa política estratéxica de acordos que dan a coñecer o amplo abano cultural, gastronómico, turístico e de negocios da cidade. Asemade, inclúe solicitar da Xunta de Galiza un trato idéntico e equitativo para os tres aeroportos, con propostas de coordinación para que as tres terminais.

Apoiar a potenciación do aeroporto de Peinador como terminal de mercadorías como elemento fortalecedor da economía de Vigo e a súa área; solicitar á Xunta de Galiza a mellora da conectividade da área metropolitana co aeroporto de Peinador, así como potenciar o seu interese público, son as iniciativas que completan o documento aprobado.

 

O Bloque aproba as súas propostas para potenciar Peinador coa abstención de PSOE e PP