O BNG reclama á Xunta que poña en marcha un plan de transporte metropolitano integral e intermodal

O BNG reclama á Xunta que poña en marcha un plan de transporte metropolitano integral e intermodal

O Bloque presenta mocións nas localidades da área instando ao goberno galego a crear un ente xestor da mobilidade

Iolanda Veloso critica os recortes no transporte público, tanto de autobús como de ferrocarril e de ría

rolda transporte metropolitano

Vigo, 18 de febreiro de 2014.- As portavoces municipais de Vigo e Redondela, Iolanda Veloso e Cecilia Pérez, respectivamente, e o responsable comarcal, Manuel Caride, explicaron as propostas do Bloque sobre o transporte metropolitano. Asemade anunciaron que o BNG está presentando unha moción en todas as localidades da área que insta á Xunta de Galiza a crear un ente xestor de mobilidade de carácter público e ámbito metropolitano.

Segundo destacou Iolanda Veloso, para o BNG resulta fundamental que neste ente participen os concellos da área co obxectivo de promover “un plan metropolitano integral”, de xeito que favoreza a intermodalidade. Neste sentido destacou a necesidade de crear un ente xestor da mobilidade, de carácter público e ámbito metropolitano, en que participen os concellos da área e o Goberno galego, co obxectivo de promover e xestionar un plano metropolitano de mobilidade integral. unha rede de intercambiadores intermodais, na que estean coordinados o transporte viario, o ferroviario e o marítimo de ría.

Nunha rolda de prensa na que tamén participaron representantes do Bloque en Baiona e Nigrán, a voceira municipal de Vigo denunciou os distintos recortes acometidos pola Xunta de Galiza, como a eliminación de frecuencias e liñas de trens e de liñas de autobús. Asemade, fixo referencia aos pasos dados polo goberno galego no camiño da privatización do transporte de ría, “facéndoo máis caro e diminuíndo as frecuencias”, apuntou.

Críticas ao localismo

No caso concreto de Vigo, Iolanda Veloso criticou a decisión do goberno municipal de recortar o transporte colectivo ás persoas non empadroadas na cidade, precisamente cando ao seu xuízo o transporte público “ten que ser un servizo que se priorice especialmente neste momento de crise”.

Ao respecto, a moción do Bloque considera que o deseño de políticas de carácter local “non ten moito sentido”, habida conta a interrelación e interdependencia existente entre as distintas localidades. Pola contra, o BNG defende que seta situación de interdependencia obriga a ter unha “visión de carácter global se se quere ser eficiente desde o punto de vista de prestación do servizo e, sobre todo, desde a satisfacción social”.

rolda transporte metropolitano ceci

Consecuencias en Redondela

“A falta de transporte metropolitano en Vigo afecta moi negativamente á parroquia máis poboada de Redondela, como é Chapela”, asegurou a portavoz municipal desta localidades, Ceci Pérez, quen sinalou que esta situación foi agravada coa decisión de recortar a tarxeta verde. Ademais criticou a actuación do alcalde de Redondela, ao considerar que “actuou tarde para tentar buscar unha solución”, tal e como xa lle reclamou o Bloque no pleno da corporación.

Solución satisfactoria

Tendo en conta que arredor dos 60% dos desprazamentos dentro da área se producen en en vehículos privados, o Bloque entende que “é máis necesario que nunca que a Xunta e os Concellos dean unha resposta satisfactoria ás demandas de transporte”, salientou o responsable comarcal. “Para o BNG resulta incomprensible que a Xunta sexa incapaz de artellar un plan de transporte metropolitano”, manifestou.

 

O BNG reclama á Xunta que poña en marcha un plan de transporte metropolitano integral e intermodal