Iolanda Veloso: “O proxecto de orzamentos para 2014 semella que é máis do mesmo”

Iolanda Veloso: “O proxecto de orzamentos para 2014 semella que é máis do mesmo”

O Bloque critica a redución das partidas sociais en máis dun millón de euros e o seu traslado a bolsas de inglés e axudas a aeroliñas

declaracións orzamentos

Vigo, 17 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, fixo unha primeira valoración ao documento de orzamentos para 2014 recibido polo grupo nacionalista hai uns días, primeiro en papel e posteriormente en pdf. “Comprobamos que a proposta que nos presenta é máis ou menos a mesma que a do ano pasado”, salientou a responsable nacionalista.

Iolanda Veloso explicou que algunha das cuestións incluídas no borrador de orzamentos “xa foran emendadas polo BNG, xa que están bastante lonxe das nosas propostas”. Neste sentido criticou a redución de máis dun millón de euros das partidas sociais, que se traducen en bolsas de inglés e axudas ás aeroliñas, “en absoluto prioritarias para o Bloque”, apuntou.

Segundo destacou a portavoz municipal do Bloque, resulta fundamental que as contas municipais dean resposta ás necesidades da cidadanía, tendo en conta as graves consecuencias da crise económica que sofre a veciñanza viguesa. “Cremos que o proxecto de orzamentos non amosa ese compromiso”, manifestou.

Falta de vontade negociadora

Por outro lado, Iolanda Veloso destacou que para o BNG, a forma de presentar os orzamentos municipais por parte do alcalde “non amosa vontade negociadora”. “Tal e como se transmitiu a proposta non nos gustou”, sinalou, ao tempo que criticou que “antes de contar cos orzamentos na man xa lemos o proxecto na prensa”.

A voceira nacionalista recordou que xa o ano pasado o Bloque manifestou que “queriamos que fose convocada unha xunta de voceiros”. Para Iolanda Veloso, non resulta lóxico que se dosifique información sobre os orzamentos nos medios e varios días despois sexan remitidos ao grupo municipal. “Imos agardar a ver se o alcalde nos di algo distinto do visto nos medios”, manifestou.

 

Iolanda Veloso: “O proxecto de orzamentos para 2014 semella que é máis do mesmo”