Serafín Otero acusa de inacción ao Sergas diante da represión sindical na cafetería do Meixoeiro

Serafín Otero acusa de inacción ao Sergas diante da represión sindical na cafetería do Meixoeiro

O candidato nacionalista critica que desde que o alcalde chegou ao acordo orzamentario co PP xa non defende a sanidade pública

 

Sera Otero declaracións

Vigo, 24 de marzo de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, expresou a solidariedade do Bloque cos traballadores despedidos da cafetería concesionaria do hospital do Meixoeiro e coa CIG. O nacionalista acusou ao dono deste establecemento de “represión sindical” posto que segundo explicou o conflito comezou coa negociación do convenio colectivo. “Houbo unha persecución pura e dura sobre traballadores e traballadoras que a secundaron”, subliñou.

“Non entendemos como a día de hoxe se lle segue permitindo por parte do Sergas manter a concesión e xerar esta inestabilidade laboral”, manifestou Otero, ao sinalar que no inicio da concesión a plantilla era de 19 traballadores e traballadoras e neste momento son 6.

Ademais, o candidato nacionalista fixo referencia á débeda desta cafetería coa Seguridade Social e con Facenda, que ascende a 150.000 euros. “Isto é algo co que xa estamos habituados nos últimos anos coas distintas concesionarias que neste momento traballan para a Seguridade Social”, indicou, e referencia aos servizos de limpeza, lavandería, cociña e mantemento do hospital.

Plan de recortes

“En todos eles xa tiveron conflitos os traballadores e traballadoras e o Sergas mira para outra parte e non fai absolutamente ningún tipo de caso”, denunciou Otero, quen considerou que esta situación forma parte dos recortes na sanidade pública que está acometendo o PP desde as administracións que goberna.

Neste sentido considerou que a sanidade non só consiste no trato directo co médico, senón que “tamén inclúe empregos complementarios para que a saúde da cidadanía sexa en mellores condicións”, polo que criticou a inacción do Sergas na resolución dos conflitos

Ao fío desta situación mencionou o caso de Povisa, “que tamén é unha concesión do Sergas e vemos como día a día se recortan servizos sobre todo de mantemento e limpeza”, engadiu. Ao respecto criticou a falta de interese do alcalde polos traballadores e traballadores que mantiveron a folga de fame en Povisa como protesta polos últimos despedimentos. “Parece que dende que asinou o acordo de orzamentos co Partido Popular no Concello de Vigo xa non encabeza as protestas dos recortes na sanidade e con servizos que dependan da Xunta e do PP”, dixo.

“Da a sensación de que o alcalde de Vigo xa non está pola sanidade pública”, manifestou Otero, para quen Caballero “vive nunha cidade fermosa, pero esa cidade fermosa neste momento ten unha inestabilidade laboral moi importante”. Neste sentido fixo referencia á situación de paro, pobreza e exclusión social que ao seu xuízo o alcalde “trata de evitar con fotografías e anuncios falsos. Pero a realidade non se pode ocultar, está aí”.

Serafín Otero considerou que temos unha realidade moi difícil e complicada, “polo que é importante que as administracións se poña ao fronte para se non buscar a solución directamente, cando menos solicitala”, manifestou. “É o mínimo que se lle pode pedir á persoa que neste momento está gobernando a cidade”, concluíu.

 

Serafín Otero acusa de inacción ao Sergas diante da represión sindical na cafetería do Meixoeiro