O BNG rexeita a amortización da débeda porque o obxectivo debería ser “desemprego e fame cero"

O BNG rexeita a amortización da débeda porque o obxectivo debería ser “desemprego e fame cero"

O Bloque opúxose á amortización da débeda presentada polo goberno vigués no pleno municipal, votando en contra, malia que resultou aprobada cos votos do PsdeG e a abstención do PP. Tras explicar que a aplicación da lexislación popular obriga ás administracións públicas a dar liquidez aos bancos, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, asegurou que precisamente “os únicos que gañan con esta operación son os de sempre: os bancos”.

Iolanda Veloso criticou o argumento do alcalde segundo a cal o seu obxectivo é acadar a débeda cero. “A nós gustaríanos que o de Vigo fose o primeiro concello europeo con desemprego cero ou con fame cero”, salientou, ao tempo que asegurou que “a débeda cero non é un obxectivo a curto prazo do BNG”.

“O BNG non quere que o concello de Vigo sexa coñecido como o gran concello europeo que non ten débeda, senón como o concello no que nengún neno pasa fame”, manifestou. “Non sería moi lóxico que na nosa casa, tendo cartos para pagar a hipoteca todos os meses, amortizasemos ese crédito a costa de deixar de comer”, engadíu.

Iolanda Veloso tamén expresou a sorpresa do grupo nacionalista “polo cambio de posición do goberno local” a respecto deste tema, e criticou o argumento esgrimido para defender a amortización de que ´non podemos regalar un millón de euros aos bancos'.

“Nós non queremos iso, en todo caso quen regalaría eses cartos sería o alcalde cando asinou os créditos. Ou non sabe que cando se asinan créditos hai que pagar xuros? Seguro que si o sabe porque é catedrático de Economía”. 

Uso do superávit

Para a portavoz municipal do BNG, os argumentos utilizados polo goberno local para defender a amortización de débeda “son propios dun alumno aventaxado de De Guindos”. Ao seu xuízo, e fronte a amortizar débeda, a solución pasa por permitir aos concellos menos endebedados utilizar o superávit en gasto corrente.

Nesta liña, Iolanda Veloso instou ao alcalde a que xestione “con máis sentido” e reclame desde a FEMP “que se nos permita prestar servizos á cidadanía”. “Se Keynes levantara a cabeza quedaría sorprendido coa súa proposta”, rematou recollendo as manifestacións do alcalde a respecto da súa tradición económica.

 

O BNG rexeita a amortización da débeda porque o obxectivo debería ser “desemprego e fame cero"