O BNG preguntará no pleno se o alcalde impulsou algunha iniciativa para manter o emprego en Unísono

O BNG preguntará no pleno se o alcalde impulsou algunha iniciativa para manter o emprego en Unísono

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e a deputada Carme Adán, denunciaron hoxe a grave situación industrial pola que atravesa a comarca de Vigo. Nesta marco mantiveron unha xuntanza informal con traballadoras e traballadores da empresa Unísono, que atravesa un ERE que afecta a 97 persoas.

“A situación de Unísono inscríbese nun contexto moi preocupante”, afirmou Iolanda Veloso, quen aludíu á situación pola que atravesa a farmacéutica viguesa Biofabri, cun ERE que afecta a 39 dos 79 traballadores e traballadorase a auxiliar da automoción Gestamp, que conta con suprimir 60 empregos mediante traslados e baixas voluntarias.

A portavoz nacionalista tamén sinalou que xa se produciron 30 concursos de acreedores, aos que se suman 26 empresas en preconcurso. “Vemos que primeiro foron grandes empresas, pero que agora son as pequenas e medianas empresas as que están sendo arrastradas”, apuntou.

Neste sentido expresou o apoio do BNG aos traballadores e traballadoras de Unísono e anunciou que o grupo municipal preguntará no pleno do luns se o alcalde da cidade se puxo en contacto co comité de empresa para interesarse pola situación e amosar o apoio do Concello aos empregados e empregadas afectadas polo ERE.

Descoñecemento do IGAPE

“Vivimos o peche industrial da comarca, na que a destrución industrial chega ao 60%”, denunciou pola súa banda Carme Adán, para quen toda Galiza e en concreto a comarca viguesa atravesa unha “primavera negra”.

A deputada nacionalista explicou que a preocupación por esta situación levou ao BNG a presentar unha pregunta ao director do IGAPE, quen contestou que non sabe “nada” de Unísono.

Segundo apuntou Carme Adán, este é un exemplo máis da ineficacia do goberno galego. “Ademais da redución do Parlamento, que está facendo Feijóo”, preguntouse. “Diante desta situación Feijóo ten que facer algo”, instou a deputada do BNG.

 

O BNG preguntará no pleno se o alcalde impulsou algunha iniciativa para manter o emprego en Unísono