O BNG vigués celebrará unha asemblea aberta o 24 de setembro, parte do proceso Construíndo futuro
Henrique Viéitez afirma que o proxecto busca dar voz á cidadanía indignada e que queira comprometerse coa transformación social
Vigo, 18 de setembro de 2014.- O responsable local do BNG, Henrique Viéitez, anunciou que o Bloque de Vigo ten convocada unha asemblea aberta o vindeiro día 24, no hotel Coia, como culminación dun traballo colectivo que xa comezou o pasado 1 de setembro e que tamén inclúe reunións sectoriais. Segundo salientou Viéitez, é hora non só de reivindicacións, senón tamén de compromiso.
Mediante este este proceso o Bloque quere dar voz a toda a cidadanía indignada e que queira comprometerse coa transformación da sociedade, subliñou o responsable nacionalista, quen recordou que non é novidoso, xa que en 1998 o BNG xa impulsou esta forma de traballar e foi á que o levou á alcaldía, aínda que recoñeceu que non sempre se trasladara publicamente.
Henrique Viéitez indicou que fundamentalmente son dous os obxectivos das asembleas abertas: dar voz ás persoas que viven a grave situación de crise económica actual e clarificar a confusión política existente. Neste sentido alertou de que a indignación quede simplemente aí.
Centradas no país
A asemblea vén precedida dun traballo social no que palpamos o gran descontento social existente, afirmou Viéitez, ao tempo que criticou que nunca tanta riqueza xerou tanta pobreza e tanta exclusión social, con verdadeiras situacións dramáticas.
Ao seu xuízo, a práctica política do BNG di que son necesarias forzas políticas que estean centradas no país. Segundo destacou esta situación de crise non sería así se Galiza tivese capacidade para decidir.
Relación co BNG
Témonos dirixido a persoas que nalgún momento tiveron algunha relación co BNG, explicou Henrique Viéitez en relación á preparación da asemblea. Algunhas delas teñen manifestado o compromiso de ir á asemblea, pero o noso reto é que dean un paso máis alá, engadiu.
Ao respecto, a integrante da Executiva local Belén García destacou que cómpre ter en conta que Vigo é unha cidade conflitiva pero tamén moi activa. Hai moita xente á que podemos chegar, afirmou, salientando especialmente os grupos de barrios e parroquias. Precisamente nesta liña se enmarca o traballo desenvolvido desde o 1 de setembro, tratando de implicar a todas as persoas comprometidas co nacionalismo e a esquerda, destacou.
Municipais 2015
Preguntado polo proceso de cara ás municipais do vindeiro ano, Henrique Viéitez explicou que o calendario non está marcado. Porén indicou que a partir da primeira semana de outubro xuntarase o Consello nacional para analizar o resultado deste proceso.
A partir desa análise o Consello nacional determinará o período de conformación das candidaturas, que terá que ser máis cedo que tarde, concluíu.