O BNG apoia os orzamentos municipais porque potencian a creación de emprego e os servizos sociais
O grupo municipal do BNG votou a favor dos orzamentos municipais para 2013 despois de que o goberno local aceptara as emendas presentadas, que supoñen case 6 millóns para crear emprego e un novo Plan de Compensación contra a crise. Os tres votos do BNG non son para o alcalde, nin para o goberno local, que ao mellor non o merecen, senón para a cidadanía, para as persoas que van poder traballar e para os nenos e nas que van poder comer, subliñou o portavoz municipal nacionalista.
Santi Domínguez criticou, por unha banda, a amnesia da concelleira de Facenda, ao non lembrar que no borrador presentado polo goberno local reducían as partidas de emprego e servizos sociais. Grazas ás emendas presentadas polo BNG aumentamos en máis de 3 millóns as partidas destinadas a emprego, afirmou Domínguez.
O nacionalista tamén fixo referencia ás alusións ás políticas activas e aos premios Nobel feitas pola concelleira socialista. Non sei cantos premios Nobel revisaron estes orzamentos, pero cos premios Nobel as familias viguesas non comen, comentou ao respecto.
No BNG non precisamos dos Nobel nin do alcalde para redactar as nosas emendas. Veñen redactadas polos parados e paradas de longa duración, polos nenos e nenas que van comer nos comedores escolares e polas mulleres que siguen discriminadas nos seus postos de traballo, destacou Domínguez en resposta as declaracións feitas polos representantes populares sobre a elaboración das emendas nacionalistas.
Segundo salientou o nacionalista, detrás das reflexións feitas polo BNG sobre o documento máis importante están os colectivos sociais, os sindicatos, a Universidade de Vigo e a cidadanía que pide a clase política que sexamos responsables.
Teatro do PP
Para o nacionalista o verdadeiro teatro é o fan os concelleiros e concelleiras do PP da corporación viguesa. Son títeres dunha obra de teatro que fan o que Louzán e Feijóo lles mandan, sinalou, continuando coa resposta ás acusacións populares de que o BNG simula un paripé ao aprobar as contas para o vindeiro exercicio.
Santi Domínguez asegurou que ese teatro se plasma na forma que ten o Partido Popular de elaborar os orzamentos na Deputación, ao destinar 4,5 millóns de euros aos organismos de goberno, unha partida de 500.000 euros para acción social e outra de 3,4 millóns para a promoción de emprego. Bastante menos do que destina o Concello de Vigo, apuntou.
Cando o BNG impón as súas emendas, o goberno é débil; cando o BNG vota os orzamentos, fai un paripé. Aclárense, instou o portavoz municipal nacionalista, quen asegurou que o Bloque cumprirá a súa promesa de non deixar que o PP goberne a cidade e aplicar as súas políticas de recortes.