O BNG defende aumentar o Plan de Emprego Municipal como a mellor ferramenta para combater o paro

O BNG defende aumentar o Plan de Emprego Municipal como a mellor ferramenta para combater o paro

Diante dos “alarmantes” datos sobre o desemprego coñecidos onte, segundo os que Galiza ten 267.812 persoas en paro e Vigo 33.464, o portavoz municipal do BNG defendeu a necesidade de incrementar a contía do Plan de Emprego Municipal para 2013. Tras criticar a actitude de PP e PSOE a respecto deste problema e manifestar o apoio do BNG á folga xeral do 14 de novembro, Santi Domínguez subliñou que o Plan de Emprego é “a única ferramenta util e eficaz para crear emprego” en Vigo.

“Se hai que duplicar o Plan de Emprego e recortar noutras partidas, agás servizos sociasi, se duplicará e se recortará”, asegurou o nacionalista, quen instou ao goberno local a “poñerse as pilas” e marcar como prioridade para aprobar os orzamentos municipais de 2013 a creación de emprego.

Asegurou, ao respecto, que se goberno local quere aprobar os orzamentos de 2013 “imos reclamar que aumente máis a partida para o Plan de Emprego”. Salientou que o BNG “non se equivocou” cando esixiu que o goberno local incrementara en máis de 4 millóns de euros o Plan de Emprego Local.

Espectáculo lamentable

Por outra banda, Santi Domínguez criticou o “lamentable espectáculo” ofrecido onte por PP e PSOE vendo de quen son os parados. “Os datos son de todos”, afirmou ao respecto. Neste sentido lembrou que a taxa de paro de Vigo supera o 24,2%, sendo a máis alta de toda Galiza.

O portavoz municipal do BNG tamén recordou as palabras de Feijóo no 2009, cando se presentou como candidato que remataría co problema do desemprego en 45 días. “Pero o certo é que cando chegou á Xunta na anterior lexislatura había 162.700 persoas en paro e agora hai 267.812”, apuntou. “Cantos parados máis fan falta para que o goberno se dea conta de que as medidas que adoptan só fan medrar o número de desempregados”, comentou Santi Domínguez. “Non sabemos canto máis se necesita para que os gobernos se dean conta de que así non imos a ningures”, engadiu.

Humanizacións

O portavoz municipal do BNG manifestou, ademais, que a gran cantidade de millóns investidos nas humanizacións “non serviron para frear o desemprego”. Neste sentido considerou que “foi desproporcionada a cantidade de millóns investidos en humanizacións cos resultados que se están acadando”.

Santi Domínguez asegurou asemade que “non é momento de colgarse medallas cando en Vigo hai 33.464 parados”. Segundo destacou, “é un insulto colgarse medallas de algo que o goberno non tiña contemplado”.

Reclamacións nos orzamentos de 2013

O nacionalista tamén se referiu as demandas verbalizadas polos dirixentes locais do PP sobre os incumprimentos do alcalde. “Parece mentira que o PP reclame millóns de euros para facer fronte aos incumprimentos do alcalde cando nestes momentos toca priorizar o emprego e non toca falar nada máis”, destacou.

Santi Domínguez defendeu que se o PP quere que se fagan máis escolas infantís o que debe facer e que reclame “que se contemplen investimentos produtivos nesta cidade” e criticou que o Partido Popular non faga reclamacións a respecto dos orzamentos xerais do Estado que se acaban de presentar.

Preguntado polos medios sobre a forma na que se está xestionando o actual Plan de Emprego Municipal, o portavoz nacionalista asegurou que o BNG está de acordo coa fórmula, “posto que a propuxemos nós”, aclarou.

O BNG defende aumentar o Plan de Emprego Municipal como a mellor ferramenta para combater o paro