Iolanda Veloso subliña as contradicións de PP e PSOE na súa defensa da amortización de débeda
Critica que o alcalde convoque unha mobilización contra os orzamentos que el mesmo aprobou e denuncia que o PP pida baixada de impostos ao tempo que sube o IVE e aplica o copago sanitario
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, puxo de relevo as constradicións de PP e PSOE na defensa da amortización de débeda e criticou a decisión do alcalde de dar cartos aos bancos no canto de solucionar os problemas da cidadanía. Iolanda Veloso avanzou que o Bloque defenderá, na aprobación final desta proposta, a mesma postura que defendeu na súa aprobación inicial.
Iolanda Veloso defendeu a necesidade dunha modificació
n lexislativa para que os remanentes poidan dedicarse a investimentos e non a amortizar débeda, polo que sinalou que o alcalde da cidade, como vicepresidente da FEMP, podería reclamala. Estes cartos son do concello, e por tanto de todos os vigueses e viguesas, e nós nos posicionamos radicalmente en contra da amortización da débeda, defendeu.
Porén, a portavoz nacionalista criticou que o alcalde decida facer o contrario do que dixo hai dous anos, xa que mentres sostén que aplica políticas keynesianas nalgún momento ve a luz e decide aplicar a lexislación do PP que obriga ás administracións públicas a dar liquidez aos bancos, como un alumno aventaxado de De Guindos.
Segundo apuntou, Caballero xa non se entende nin a si mesmo, xa que convoca unha mobilización contra os orzamentos aprobados por el mesmo. Neste sentido recordou que foi o propio alcalde quen levou os orzamentos ao pleno. Eu mesma vin como levantaba a man para aprobalos, ironizou.
Cada vez o alcalde é máis contraditorio consigo mesmo e non é capaz de argumentar politicamente as súas decisións, criticou a portavoz do BNG, quen asegurou que nos últimos días aumentan os exemplos destas contradicións, xa que cando lle preguntamos, en lugar de explicarse, insulta e di que fará o que lle dá a gana.
Confrontacións
Pero na oposición atopamos a un Partido Popular que pon condicións para aplicar as súas propias leis, manifestou a nacionalista, quen sinalou que en Vigo defende a baixada de impostos, algo totalmente contrario á súa política impositiva. Puxo como exemplo que foi o propio PP quen subíu o IVE ou estableceu o copagamento sanitario, como no caso das prótesis. Dálles igual as necesidades da cidadanía, asegurou.
Iolanda Veloso lembrou, asemade, que o PP subíu os impostos cando gobernou en Vigo, incluso para servizos básicos como a axuda no fogar e as escolas infantís. Ao seu xuízo, a conclusión da actuación dos populares é que non queren que as administracións públicas teñan cartos, senón que vaian para os bancos, en especial nun momento tan grave como o que está atravesando a cidade.
PP e PSOE non se preocupan de atender as necesidades da cidadanía, e se para manter esa confrontación teñen que defender posturas diferentes aquí, en Madrid e en Bruxelas, non teñen ningún problema, denunciou a portavoz municipal do Bloque. Fronte a estas contradicións de PP e PSOE, Iolanda Veloso destacou que os mesmos argumentos que levaron ao BNG a rexeitar amortización de débeda son os mesmos que nos levaron a aprobar as taxas municipais e presentar emendas aos orzamentos.