Iolanda Veloso alerta de que a reforma local causará graves problemas á cidadanía
O BNG desenvolve unha campaña para informar das consecuencias da reforma que impulsa o PP, que reduce as competencias dos concellos
A portavoz municipal do BNG de Vigo, Iolanda Veloso, e de Fornelos, Pedro Pérez, alertaron das consecuencias que terá a reforma da administración local, ao invadir as competencias dos municipios en beneficio das deputacións. Así o denunciaron nun acto informativo sobre esta reforma que desenvolveu o BNG vigués no marco da campaña Reforma dos concellos, ruína para a cidadanía.
Esta campaña vai crear problemas moi graves á cidadanía, porque elimina as competencias dos concellos que prestan os servizos, criticou Iolanda Veloso, tras o acto, no que tamén participaron a deputada Olaia Fernández Davila; os concelleiros Santi Domínguez e Xabier Alons; o portavoz municipal de Fornelos, Pedro Pérez; e o responsable comarcal Manuel Caride, entre outros cargos institucionais e orgánicos.
Para o Bloque esta reforma é prexudicial para os cidadáns e cidadán ao afastar os servizos da cidadanía, mediante a súa centralización. Segundo denunciou a portavoz nacionalista, esta será a consecuencia directa do paso dos servizos que prestan os concellos ás deputacións, pese a que o concello é a administración máis próxima á xente, e polo tanto a que ten un coñecemento máis claro dos veciños e das veciñas, apuntou.
Deterioro dos servizos
Afondando nesta cuestión, Iolanda Veloso indicou que quitar os servizos aos concellos para trasladarllos ás deputacións e un paso máis na súa privatización. Deste xeito o deterioro dos servizos é inevitable, denunciou. Asegurou, por outro lado, que estas consecuencias terán especial relevancia nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Neste sentido, o portavoz municipal de Fornelos, Pedro Pérez, falou dos principais servizos afectados, como son a atención a domicilio así como as prestacións que dependen dos traballadores e traballadoras sociais dos concellos, centros de día, políticas de dinamización de emprego, escolas infantís, comedores escolares ou as prestacións deportivas e culturais.
Tras a reforma o concello como administración máis próxima, non vai ter capacidade de decisión e, por tanto, de resolver os problemas. A Deputación non coñece a situación concreta dos concellos, polo que non prestarán axeitadamente os servizos necesarios, advertiu.