Iolanda Veloso acusa ao goberno local de escamotear o debate sobre as ordenanzas
O BNG defende aumentar as exencións e as bonificacións fiscais ás persoas con menos recursos, ao pequeno e mediano comercio e á Universidade
A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, acusou ao goberno local de escamotear o debate sobre as ordenanzas municipais ao falar delas a concelleira de Facenda sen incluílas na orde do día do pleno de hoxe. Na sesión de hoxe só se trataron as taxas correspondentes á utilización de galerías municipais e das empresas de telefonía móbil, pese a existir un acordo para debater a totalidade.
Non veñen a pleno nin a ordenanza fiscal xeral, nin a recollida do lixo, nin o IAE nin a tarifa da auga porque o alcalde non quere que se debatan as ordenanzas, criticou Iolanda Veloso, quen na súa intervención lembrou que existe un acordo da corporación que precisamente insta ao alcalde a debatelas en sesión plenaria, de xeito que os grupos da oposición e a cidadanía poidan presentar emendas e alegacións.
Na votación da sesión plenaria, na que o grupo nacionalista se abstivo, Iolanda Veloso destacou que o BNG quere mellorar as condicións de bonificación e exención para aliviar a presión fiscal das persoas con menos recursos. Por exemplo, para o Bloque é unha prioridade incluír a exención para as persoas que ingresen o 85% do salario mínimo interprofesional tanto para a taxa do lixo, as escolas infantís ou o IMD.
O grupo nacionalista tamén defende a bonificación da taxa de recollida de lixo para as persoas que teñen unha discapacidade superior ao 65%, independentemente de que teñan recoñecida a dependencia pola Xunta de Galiza; asemade, a proposta do Bloque tamén recolle a rebaixa do 2,8% para os locais comerciais cunha superficie inferior a 50 m2 e a bonificación do 95% á Universidade de Vigo.
Rexeitar o consenso
Por outro lado, Iolanda Veloso acusou ao alcalde de negarse a chegar a consensos. Enchíase a boca falando de consensos a respecto da Lei de reforma da administración local e négase a chegar a consensos con outras forzas políticas e coa cidadanía na administración que preside, criticou.
Recollendo as palabras da concelleira de Facenda segundo as cales no pleno cada forza política se retrata, a portavoz municipal do BNG recoñeceu que efectivamente así acontece: Cada forza política retrátase neste pleno, ao que non vén a ordenanza fiscal xeral, polo que isto é un engano, concluíu.