O Bloque propón emendas ás ordenanzas para facer un sistema fiscal máis progresivo e máis xusto
Cobro do IBI á Igrexa, bonificacións na recollida de lixo ao pequeno e mediano comercio e exención a quen cobra menos do 85% do salario mínimo interprofesional son algunhas das propostas presentadas por Iolanda Veloso
A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, presentou as emendas do BNG ás ordenanzas para 2014 que, baseadas na progresividade fiscal, teñen como prioridade facilitar ás persoas con menos recursos facerlles fronte ás obrigas tributarias. Así, salientou que as persoas con menos ingresos son ás que van dirixidas as exencións e bonificacións que propón o Bloque.
O obxectivo fundamental das propostas do BNG consiste en aliviar a presión fiscal das persoas que teñen unha situación máis grave, subliñou Iolanda Veloso. Nesta liña, destacou que o Bloque propón a exención para as persoas que ingresen o 85% do salario mínimo interprofesional tanto para a taxa do lixo, as escolas infantís ou o IMD.
A respecto da taxa de lixo o BNG tamén defende a bonificación ás persoas que teñen unha discapacidade superior ao 65%, independentemente de que teñan recoñecida a dependencia ou non, apuntou a portavoz nacionalista. Asemade, a proposta do Bloque tamén recolle a rebaixa do 2,8% para os locais comerciais cunha superficie inferior a 50 m2.
Non estamos de acordo coa proposta do PP de rebaixar os impostos a todo o mundo, senón a quen máis dificultades ten, asegurou. Neste sentido, e sobre o imposto de actividades económicas (IAE), o BNG defende aplicar a actualización do 2,8%, xa que só teñen que pagalo as sociedades cuxa cifra de negocio ten un importe neto superior a un millón de euros.
IBI progresivo
Queremos que o IBI sexa progresivo, destacou Iolanda Veloso a respecto do imposto sobre bens inmobles. Neste sentido considerou que non é o mesmo rebaixarlle a taxa a un chalé a pé de praia que a unha casa ou un apartamento de 50 m2. Explicou ademais que en Vigo se dá o paradoxo de que a Igrexa non paga polos seus inmóbeis mentres si o fai a Universidade.
Propoñemos que se cobre o IBI aos edificios da Igrexa que non están exentos segundo a lei de facendas locais e o acordo entre a Santa Sede e o goberno español sobre asuntos económicos e que se lle aplique unha bonificación do 95% á Universidade de Vigo, explicou. Ao seu xuízo, os cartos que se lle rebaixan á Uvigo pode dedicalos a recursos para o estudantado, como xa o está facendo, engadiu.
A respecto deste imposto o BNG tamén propón aplicar a bonificación do 90% ás organizacións sen ánimo de lucro e un recargo do 90% aos inmóbeis de uso residencial desocupados de maneira permanente. Tendo en conta o uso especulativo que se lle deu á vivenda e que hai persoas que están quedando sen fogar, parécenos que esta é unha medida xusta, sinalou.
Licenzas de actividades e instalacións
Sobre as licenzas de actividades e instalacións, Veloso defendeu a redución nun 2,8% das taxas aplicábeis aos locais cunha superficie de até 500 m2 nos tramos estabelecidos na ordenanza, aumento do 2,8% aos locais cunha superficie de máis de 501 m2 e até 5.000 m2 e aumento do 100% nos locais superiores a 5.000 m2, é dicir, ás grandes superficies.
Entendemos que non podemos cargar as taxas sobre os pequenos e medianos comercios e regalárllelos ás grandes superficies, comentou ao respecto a voceira do BNG. Ademais, e no tocante á cualificación de proxecto empresarial de interese municipal (PEIM) defendeu que sexa concedida polo pleno do concello, e non pola xunta de goberno, como acontece actualmente, para poder acceder á bonificación do 75% recollida na ordenanza.
Tarifas da auga e bus
Ademais de presentar as emendas ás ordenanzas municipais, Iolanda Veloso tamén destacou que a súa aprobación está condicionada por outros aspectos, como son a modificación da tarifa da auga, baseada no consumo, e do autobús. Precisamente sobre a tarifa do bus urbano, o Bloque propón a conxelación do prezo do billete ordinario, así como a creación dunha tarxeta social destinada a persoas que xa non teñen ingresos.
Estas son as condicións que teñen que cumprir as ordenanzas fiscais, mais todo pasa pola posibilidade de presentar emendas e alegacións e poder debatelas no pleno, manifestou a voceira municipal do BNG. Non sabemos se o alcalde está agardando chegar a acordos co PP, o cal impediría a bonificación e exención ás persoas que máis o precisan, comentou en resposta aos medios sobre a postura do alcalde.
Comisión economía
A respecto da comisión de economía para ditaminar as ordenanzas que irán a pleno e que tivo lugar esta mañá, Iolanda Veloso criticou que só fosen as dúas novas, a referida ás empresas de telefonía e ás empresas que utilizan as galerías soterradas de Navia. Na anterior xuntanza foron tres, hoxe foron dúas; así, en lugar de levalas todas, cada vez levan menos e se debate menos, denunciou.
Nós insistimos en que é necesario levar a pleno todas as ordenanzas para os grupos da oposición podermos presentar emendas e a cidadanía alegacións, subliñou, ao tempo que lembrou que as dúas ordenanzas novas só son unha parte ínfima dos tributos que hai que pagar.
Iolanda Veloso asegurou que desde o BNG queremos que o sistema fiscal sexa máis progresivo e máis xusto mais parece que o alcalde non o quere así. Ademais, defendeu a posibilidade de debater as mocións no pleno municipal para mellorar a situación da cidadanía.