Iolanda Veloso califica de decepcionante a xuntanza celebrada onte sobre os aeroportos galegos
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, considerou que a xuntanza celebrada onte en Compostela sobre os tres aeroportos galegos chega tarde e o seu resultado é decepcionante, posto que entre o que hai e nada case non hai diferenza ao non achegar solucións. A nacionalista destacou ademais que as terminais galegas precisan un plan para o presente, non para o futuro, no que se contemple a súa complementariedade.
Se Aena prepara un plan único para artellar os aeroportos galegos o que está facendo é asumir as súas competencias, asegurou Iolanda Veloso, para quen ese plan anunciado onte por Aena debería estar feito hai tempo. Ao seu xuízo, precisamente se Fomento non elaborou antes ese estudo é porque a Madrid ao Estado só lle interesa Madrid e o beneficio económico e non os aeroportos galegos.
A responsable nacionalista reclamou as competencias para Galiza en materia aeroportuaria e a súa descentralización como ferramenta para atallar a perda de pasaxeiros. É a única forma de ter un sistema aeroportuario propio que dea resposta real ás demandas ás necesidades dos galegos e galegas, defendeu Veloso.
Iniciativas parlamentares
Nesta liña lembrou que o Bloque presentou a semana pasada dúas iniciativas parlamentares na Cámara Baixa para demandar ao Goberno a transferencia a Galiza da competencia sobre a xestión dos aeroportos galegos a fin de solucionar o grave problema de perda de tráfico aéreo que sofre Peinador, Alvedro e Lavacolla.
A perda de tráficos nos tres aeroportos de Galiza non se pode achacar integramente á crise económica, senón mais ben á falla de coordenación e dunha xestión eficaz, que debido ao actual modelo de xestión aeroportuario centralista non permite que Galiza organice e xestione o seu espazo aéreo, criticou a portavoz nacionalista.