O BNG oponse á construción de máis superficies comerciais na cidade
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e o responsable local da formación nacionalista, Henrique Viéitez, expresaron hoxe a oposición do Bloque á construción de novas superficies comerciais na cidade. Ademais, a formación nacionalista demanda ao goberno local que facilite información real sobre Porto Cabral e lamenta a utilización demagóxica da suposta creación de emprego deste complexo e en xeral das grandes superficies comerciais.
O BNG non é favorable á construción de máis grandes superficies como as que están por vir, destacou Henrique Viéitez en referencia ao proxecto de Porto Cabral e os centros comerciais proxectados no edificio Bandeira e na estación de Renfe.
O responsable local do Bloque vigués defendeu que a construción de máis superficies comerciais na cidade non obedece a unha demanda comercial, en tanto que desde o 2007 van arredor de 20.000 establecementos pechados. Segundo explicou, este procecto responde ao impulso dunha promoción inmobiliaria mediante a construción dunha gran superficie.
Por outro lado, Viéitez alertou da gran cantidade de comercios xa pechados, como xa alertaron os colectivos afectados nestes días pasados, apuntou, así como da situación pola que atravesan superficies comerciais que xa abertas na cidade. Son un deserto, sinalou.
Ao respecto considerou que é excesiva a oferta comercial existente na nosa cidade, que asegurou estar concentrada en poucas mans, de xeito que empobrece a cidade.
Postos de traballo
É tremendo e lamentable que se faga demagoxia coa creación de emprego, que é o que máis preocupa á sociedade, salientou o nacionalista a respecto dos postos de traballo que se poden crear coa construción dos centros comerciais. Non crean emprego, destrúeno no balance final, asegurou.
Neste sentido, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso expresou a preocupación polos continups bailes nas cifras de creación de emprego, xa que ao seu xuízo semella que aumentan segundo crecen as de desemprego na cidade.
Fixo un chamamento a non utilizar este aspecto de forma demagóxica e a non crear falsas expectativas entre as persoas desempregadas de Vigo, que afronta unha taxa de desemprego en continuo aumento.
Falta de proxecto claro
Iolanda Veloso expresou a preocupación do BNG pola falta de proxecto claro e información real sobre o proxecto Porto Cabral, máis alá do publicado nos medios de comunicación. Non sabemos se hai proxecto depositado en Urbanismo, dixo ao respecto.
Dada esta situación, a nacionalista demandou ao goberno local que transmita información sobre este proxecto para poder, achegando datos reais sobre o mesmo, para poder avaliar con rigorosidade o seu impacto.
Necesidade de diálogo
A portavoz nacionalista salientou tamén a necesidade de que o proxecto sexa dialogado con todos os sectores afectados. Os comerciantes teñen que ser escoitados porque xa están sofrindo moito nesta cidade, defendeu.
Neste sentido, o Bloque alerta de que a saturación de grandes áreas ten graves repercusións no pequeno e mediano comercio, ao provocar a destrución de postos de traballo. Asemade, considera que este formato comercial promove a liberalización dos horarios, de forma que impide que o comercio de proximidade poida competir en igualdade de condicións.
Os nacionalistas destacaron asemade que este é un formato comercial xa en desuso noutros países, ademais dun modelo de cidade que o Bloque non quere. Non hai que ir moi lonxe para ver como noutras cidade pechan os centros comerciais, comentou Viéitez, quen sinalou que o feito de que un concello de Madrid diga non á instalación do fondo de investimento que promove Porto Cabral debería facernos reflexionar.