O BNG reclama a urxente posta en marcha do plan de compensación social contra a crise
A voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso, na súa comparecencia de hoxe manifestou a súa preocupación pola tardanza, por parte do goberno municipal, en botar a andar o Plan de compensación social contra a crise. Este plan foi incluido nos orzamentos deste ano a traves dunha emenda do BNG. A nacionalista afirmou que estes 3.200.000 teñen que chegar canto antes aos fogares vigueses, esiximos axilidade e que se convoquen as axudas canto antes, porque xa imos tarde.
Segundo a nacionalista, igual que para outros asuntos o goberno municipal axiliza os trámites e os informes emítense rápido, para cousas prioritarias coma estas non vale a excusa de que as bases para polo en marcha son complicadas.
En opinión da portavoz municipal, nun momento no que os comedores sociais están desbordados, con exemplos como os que estamos vendo estes días, é fundamental un plan como este que propuxo o BNG. Este plan permitirá que moitas familias que non teñen ningún outro recursos poidan acceder a produtos básicos e de primeira necesidade, como son os alimentos e o vestiario.
Nun encontro que o grupo Municipal do BNG mantivo a pasada semana con entidades que atenden a persoas nesta situación e que coñecen esta problemática de primeira man, as entidades asistentes puxeron de manifesto que están achegándose aos comedores moitas persoas que nunca antes se viran nesa situación, e valoraron que a posta en marcha deste plan podería exudar a garantir alimento e vestiario e ofrecería posibilidades de normalizar a vida familiar a moitas persoas, e que este plan tería un impacto positivo sobre o número de usuarios dos comedores sociais,
Amortización da débeda
A preguntas dos xornalistas, a voceira municipal manifestou que o obxectivo prioritario das administracións é atender as necesidades básicas dos seus cidadáns e cidadás e ofrecer servizos . Afirmou que o BNG está en contra da política imposta polo goberno do PP, coa colaboración do PSOE, que permitiu unha reforma constitucional que limita os recursos para investir.
Segundo manifestou Iolanda Veloso, o obxectivo dun concello nestes tempos de crise non pode ser o déficit cero, senón a fame cero e o desemprego cero. O BNG non quere que o concello de Vigo sexa coñecido como o gran concello europeo que non ten débeda, senón como o concello no que nengún neno pasa fame.
A nacionalista preguntouse porqué e para qué quere este goberno amortizar esa débeda, xa que non ten sentido pedir un crédito un ano e amortizalo ao seguinte. Non sería moi lóxico que na nosa casa, tendo cartos para pagar a hipoteca todos os meses, amortizasemos ese crédito a costa de deixar de comer.
O BNG pensa que a solución non é a lei de sostenibilidade financeira, que obriga a que os remanentes se utilicen en amortizar débeda, senon que hai outra maneira de facer as cousas, diferente á que comparten o PP e o PSOE, e outras alternativas que se deberían pór en marcha desde as administracións públicas.
En opinión do BNG, do mesmo xeito que se aprobou un decreto que non permite aos concellos investir o superávit, a solución é que se aprobe outro decreto que permita aos concellos menos endebedados utilizar o superávit en gasto corrente, e o alcalde ten unha grande oportunidade de reclamar iso desde a súa posición de vicepresidente da FEMP.