O BNG vota en contra da venda de vivendas municipais acordada por PSOE e PP
Iolanda Veloso lamenta que o goberno vigués rexeite dedicar a uso social os pisos baleiros da rúa República Arxentina
Vigo, 7 de marzo de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou a materialización do acordo entre PP e PSOE para vender as vivendas de titularidade municipal de República Arxentina na sesión da Xerencia de Urbanismo que tivo lugar esta mañá. Coa situación que está atravesando a nosa cidade é incomprensible que o goberno local teña tan pouca sensibilidade e rexeite o uso social destes pisos, manifestou.
Segundo salientou a voceira nacionalista, con esta votación ponse de manifesto cales son as prioridades de cada grupo político. Para BNG a creación de emprego e o impulso das políticas sociais sempre foron as preocupacións principais e nesta liña foron as nosas propostas, pero non así para o PSOE e moito menos para o PP, subliñou.
Iolanda Veloso lembrou que en coherencia con esta preocupación o Bloque preguntou en diversas ocasións pola situación e o destino destas vivendas. Perante as vaguidades ofrecidas como resposta en xuño do ano pasado, ao sinalar que estaba 'en estudo', instamos ao goberno municipal a dar un uso social a estas vivendas baleiras. Outra cousa é que agora non queiran recoñecer a realidade, asegurou.
Xa no mes de outubro pasado a portavoz do Bloque criticou que o goberno vigués non soubera que facer con esas vivendas, pese a situación dramática pola que atravesan moitas familias. Para Iolanda Veloso, é terrible que fronte ao desmantelamento da política de vivenda que o PP acomete na Xunta, o alcalde prefira exercer de promotor inmobiliario vendendo os pisos de titularidade municipal en lugar de redobrar esforzos en política social.