Iolanda Veloso: Cómpre defender o ensino público como dereito fronte aos ataques do PP
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou a necesidade de defender o ensino público fronte aos continuos ataques do Partido Popular, que se plasman na nova lei de educación impulsada polo ministro Wertz. Así explicou a nacionalista o respaldo do Bloque Nacionalista Galego á mobilización convocada para hoxe en todas as cidades galegas.
Iolanda Veloso criticou que o único obxectivo da LOMCE é privatizar e españolizar o ensino, recortando máis o profesorado e diminuíndo as dotacións precisas para atender á diversidade e ás necesidades educativas especiais, que ao seu xuízo provocan o desmantelamento da educación pública.
Para a portavoz nacionalista, a reforma educativa que tenta impulsar o ministro Wert é tremendamente regresiva, ao relegar as linguas cooficiais e impulsar a segregación. Este proxecto vai ser unha desfeita para todo o país, polo que temos que paralo entre todos e todas, apuntou.
Exemplo de Vigo
Segundo explicou, Vigo é un claro exemplo das políticas de recortes no ensino, xa que a cidade experimentou unha redución nas liñas educativas e un aumento da ratio de alumnado. Pero non só atopamos menos profesorado e menos recursos, tamén hai recortes na achega da Xunta a Foampas para a xestión dos comedores escolares, denunciou.
Neste sentido, a portavoz nacionalista lembrou que para o BNG é unha demanda histórica que a Consellería de Educación asuma a xestión dos comedores escolares. Fronte a isto, a Xunta non só non asume senón que reduce a achega, comentou.