Iolanda Veloso subliña que o BNG prima emprego e servizos sociais fronte a voos de baixa ocupación
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, subliñou este venres que na situación de crise actual para o Bloque Nacionalista resulta prioritario fomentar a creación de emprego e os servizos sociais municipais fronte ás subvencións a voos de baixa ocupación, como é o caso do de Londres. A nacionalista lembrou que precisamente a eliminación desta subvención, xunto a outras emendas, foi unha das condicións que o Bloque marcou como innegociables e aceptadas polo goberno local para aprobar os orzamentos de Vigo de 2013.
Do mesmo xeito que as emendas presentadas polo BNG foron innegociables tamén é innegociable o seu cumprimento, salientou Iolanda Veloso, para quen é unha frivolidade volver ao debate sobre o voo a Londres ou as becas para mandar a estudantes durante quince días ao Reino Unido.
Segundo a portavoz do BNG o prioritario é loitar contra o desemprego e poñer enriba da mesa todos os recursos dispoñibles para atender ás persoas que máis sofren polas decisións das políticas crueis do Partido Popular. E ao seu xuízo, subvencionar voos a Londres non cumpre ningún destes requisitos.
Decisión de Vueling
Neste sentido, Iolanda Veloso sinalou que segundo os datos que periodicamente facilita Aena, o voo a Londres contou con 18.009 pasaxeiros, o que supón unha ocupación media do 56%, e que precisamente esta baixa ocupación deu orixe a que a propia aeroliña Vueling dixera que estaba buscando outro aeroporto dende o que operar.
Nós apoiamos Peinador e precisamente por iso o BNG elaborou un Plan estratéxico coordinado cos outros aeroportos galegos que o PP se encargou de gardar nun caixón: Pero o voo a Londres non é o que vai salvar agora o aeroporto vigués, como poñen de manifesto os datos, salientou a portavoz nacionalista.
Para Iolanda Veloso non hai xustificación para que o Concello de Vigo siga gastando millóns de euros nun programa que os propios vigueses e viguesas non ven como prioritario dado o seu baixo nivel de ocupación.
Becas de inglés
A respecto das Aulas Internacionais, Iolanda Velos recordou as súas palabras no pleno de aprobación dos orzamentos do 30 de decembro, cando dixo que se o alcalde presenta algunha modificación orzamentaria para sacar adiante este proxecto non vai contar con BNG. Dende entón o Bloque non mudou, xa que non consideramos que sexa un programa prioritario, manifestou.
Non ten sentido dedicar máis de 1,2 millóns de euros a un programa que os propios informes municipais consideran que non forma parte das competencias do Concello, sinala a nacionalista ao respecto, quen lembra que outro aspecto que leva ao BNG a rexeito o programa é que nas súas bases non recolle os criterios de renda como elemento decisorio para conceder as becas.